Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Luns, 16 de Maio de 2005
Despois da masacre, a Escocia.

Moitos din que se Shakespeare poidese facer unha película en troques de escrebir, de seguro tería feito unha como esta. A interpretación de Polanski dos textos do bardo inglés é interesante por varias razóns. Unha delas é a fidelidade do texto dunha maneira case fanática, pois salvo unha excepción, todo o que se atopa na película reproduce o texto dun xeito case relixioso. A ambientación na Escocia da alta idade media e os escearios galeses e de Northumberland son magníficos, case máxicos. O aer está impregnado dunha pátina griseira e misteriosa. Pero o máis interesante é a atmósfera de persistente ameaza e de violencia que se respira en cada minuto do filme, cicáis ata nos intres de paz, mesmo nos cales se axexa o cheiro do sangue e a materialización da profecía sen que o espectador poda respirar un aer de tregua ou de esperanza. O filme representa o tema da violencia dunha maneira desafiante e desacougante, máis nunca gratuita, mesturada cun chisco de esoterismo e de eternas preguntas encol do poder político, e se o fin xustifica os medios.
Macbeth é un cruzado escocés da Alta Idade Media que volta victorioso das expedicións contra os noruegos e desfruta de boa reputación entre amigos e nas clases dirixentes, por non dicir da súa mulher, unha dona dunha ambición exarcebada interpretada maxistralmente pola belida Francesca Annis, quen dirixe dun xeito sutil, pero firme e manipulativo, a vontade do seu home (Jon Finch), un Macbeth mesmamente belido que é en comparanza con outros da historia do cinema e do teatro, no fondo é un home torturado e de pouca confianza en si mesmo, encirrado nas súas ambicións de poder, case como por contaxio, pola esposa e por outra banda, por forzas femininas da nigromancia mergulhadas no seu subconscente.
Macbeth defínese ao principio da historia como un fidalgo novo, valente e ambicioso como calquera outro da súa mesma póla, máis o pulo da historia da un xiro cando el e mailo seu séquito atopan unhas bruxas nunha ladeira dos highlands que nunha linguaxe ás penas comprensível lhe dan a entender os fíos que componhen o seu fado, e sintíndose inmediatamente aludido polas súas premonicións acada tal grao de desacougo que a partires dese intre escomezará unha carreira de asasinatos e intrigas pra acadar e manterse no trono sanguinhento, sendo Lady Macbeth a ?alma mater? e enxenheira conceptual das cruentas manouvras que como por contaxio, induce ao seu home contra de amigos, aliados e dos noutrora amigos. Suxestionado de tal maneira por aquel encontro coas meigas, Macbeth vai noutra ocasión onda elas a que lhe digan o resto da boa ventura nunha escea maxistral, na que o futuro rei ve as profecías na auga que as meigas verqueran nunha cunca. O que se ve dentro dela será xustamente o que acontecerá no futuro.
E a partires desa profecía, o espectador é testemunha directa da máis pura representación verídica de violencia que poucas veces deu o cinema. A escea da matanza da familia de MacDuff por parte dos mercenarios de Macbeth é lexendaria e moi controvertida pola súa autenticidade. Nela, a cámara rixe a acción dende a perspectiva dunha das doncelas que habitan o castelo cando os homes o asaltan. A visión devastadora do que os homes deixan ao seu paso (violacións, regueiros de sangue, os cadavres sanguinhentos dos filhos de MacDuff, entre eles un meninho recén) remata no marco dunha fiestra polo cal se ve o castelo en chamas e seguidamente a pantalha en negro (o blackout do cal se deduce que a doncela que nos emprestou seu olho e nos guiou pola masacre perece nese intre nas mans dos intrusos como o resto das víctimas espalhadas polo chan).
Din que preguntado polos técnicos se a escea non sería demasiado violenta pra poder ser dixerida polo público, Polanski respostoulhes: ?Eu sei o que é a violencia. Teriades que ter visto a minha casa o pasado vran? (referíndose ao asasinato de Sharon Tate e dos seus invitados pola banda Manson no seu enderezo de Beverly Hills). Porén, din as malas línguas que dita escea foi inspirada por unha vivenza da nenez durante a entrada dos nazis na súa casa, daquela no guetto de Varsovia, por mans dos nazis. A nai de Polanski finaría pouco despois do asalto nun campo de concentración. E na película, Lady Macbeth, a mulher que en sonhos lava as súas mans do sangue verquido polos asasinatos arguelhados, comete suicidio. A alma ensuxada nun caleixón de saída.
Pero esta non é a única controversia da bobina. Públicos puritanos ?maioritariamente das Américas- inda se arrepían hoxe perante da nudez en certas esceas, como por ex. cando Lady Macbeth fai que lava as mans na escea do sonambulismo e é observada pola súa doncela de cámara. Daquela ninguén durmía en camisón e o pixama non fora aínda inventado, de xeito que a nudez é máis que xustificável. Tamén na escea do akelarre das meigas se atopan elas como as trouxeron ao mundo, pero isto non é nen moito menos o máis importante. A falsa indignación causada pola nudez fai rir a publicos máis maduros como o europeo, pero este nen o americano nen calquera outro poden pasar por alto a sublime e arrepiante visión polanskiana do poder e da violencia en tódolos seus rexistros, en toda a súa dimensión sen caer exclusivamente no xénero do horror, no thriller, nen na choqueirada, senón que fica como o orixinal, como Shakespeare. Ou inda milhor: como Polanski.
Por Bravú
Nota Bravú: 9
Por: Fagot | Filmes | Comentarios (0) | Referencias (0)