Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Mércores, 21 de Decembro de 2005
A Xunta vai elaborar un baremo para regular as axudas á produción audiovisual contando, por primeira vez, co sector. Os responsables das tres áreas do Goberno galego con competencias neste ámbito chegaron onte ao que pode entenderse como un principio de acordo para avanzar entre todos na concreción do modelo. Vai ter tres liñas de actuación fundamentais e pretenden que estea definido moi axiña, porque queren que regule a convocatoria de axudas á produción do 2006, que globalmente ascenderán a cinco millóns de euros.
O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández; o director da TVG, Xesús Iglesias; e o asesor na materia da Consellería de Cultura, Manuel González, expuxéronlles onte pola mañá aos profesionais que participaron no Foro Academia Aberta as liñas mestras do modelo que propoñen aplicar de acordo con todas as partes implicadas «para conseguir que o sector audiovisual galego medre e que se amplíe o campo de actuación a novos creadores con talento». Non presentaron unha proposta pechada, nin sequera un borrador, senón os principios dun baremo conxunto «para traballar de xeito coordinado e sinérxico na cadea de valor», á hora de intervir, dende a perspectiva pública, en todas as partes do proceso dunha produción audiovisual. O obxectivo do baremo non é outro que o de clasificar as peticións para que as axudas repercutan no tecido industrial e de construción do símbolo de marca de produción galega.
Manolo González fixou os cinco principios claves para determinar a produción galega: garantir o principio de igualdade de oportunidades, transparencia absoluta na xestión, fortalecemento do tecido produtivo e profesional galego, aposta polo talento e potenciación dun audiovisual con identidade e miradas propias dende Galicia.
Están todos de acordo en que os criterios para o previsible baremo teñen que ser obxectivos dende o punto de vista profesional, do mercado e da identidade. De aí que tamén quedara claro que se abrirán tres liñas de participación.
O director da TVG anunciou un esforzo especial para a difusión de curtametraxes, cun espazo para novos creadores. No mesmo sentido, a Consellería de Cultura vai apostar pola produción de curtas en formato dixital.
primeira liña de axudas do baremo será para producións maioritariamente galegas, e será determinante o capital, que sen estar fixado podería requirir que máis do 50% fose galego, e o uso do idioma galego, coa rodaxe co son directo neste idioma.
A segunda liña será para producións que en vez do idioma opten polos profesionais galegos, o que requirirá que os xefes de equipos técnicos sexan galegos ou que leven residindo en Galicia polo menos dous anos. En calquera caso, terán que entregar unha copia do produto dobrada ao galego.
A terceira liña do baremo de axudas será para producións minoritarias galegas, coproducións. En calquera dos casos, diferenciarán as axudas para animación.
Os actores e actrices elaboraron un documento que presentarán á Xunta e a TVG no que, entre outras cousas, reclaman que se elabore un baremo, «incluso se é malo». «Como non hai ningún, contar cuns criterios que sexan públicos e transparentes será un gran paso», explica Monti Castiñeiras, coordinador da xornada de debate organizada pola Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena, coa televisión, a dobraxe e o cine como temas en tres mesas.
Nas conclusións, ademais de reivindicar o baremo que defina que é unha produción galega, destacan a reclamación de promoción para o audiovisual galego, partindo da afirmación de que «é exportable, pero non o consegue por falla de vontade e promoción suficientes por parte da Xunta e das produtoras». E piden un control das subvencións públicas, habida conta, segundo os actores, de que as produtoras teñen unhas marxes de beneficio de máis do 20%, e ata do 40%, «sen que se saiba onde van parar os cartos públicos».
A maior participación nas producións de actores e actrices galegas é unha condición básica para o colectivo, así como que se aposte polo público xoven á hora de crear produtos tanto televisivos como cinematográficos e en calquera formato.
Noticia recollida en "La Voz de Galicia" o día 18-12-2005
Por: Fagot | Institucións | Comentarios (2) | Referencias (0)
Pois xa me dirás que opinas da polémica ao respecto aparecida en Galicia Hoxe. Danlle caña sen o menor criterio a Manolo González, non sei que manía lle teñen. E as declaracións de María Bouzas tamén teñen tela. Eu non estou nada de acordo con ela no que dí.
Nilde | 18-01-2006 14:50:22
Ben, a verdade é que non quería entrar na polémica. Hoxe veño de firmar unha carta en defensa de Manolo González, así que dalgún xeito xa me toca algo o asunto.
O caso é que está mal por un lado e peor polo outro. Esto non ten que ver con manía a Manolo González senón que é parte dunha guerra deplorable entre dous partidos que son socios de goberno. De feito do que se trata non é de desacreditar a labor que poida desempeñar Manolo González senon de minar a Consellería de Cultura. Resulta patético que se queime deste xeito o nome dunha persoa con fins puramente electoralistas, especialmente desde o lado que ven. Recordan en Galicia Hoxe que Manolo Gonzalez se levaba ben con Perez Varela, eu recordo servilismo e o peloteo continuo que desde o Correo Galego se lle facía ó PP e que agora se lle fai ó PSOE só porque son o partido maioritario do goberno e porque son os que van subvencionar ós xornais no presente ano. Se a consellería con máis cartos a repartir fose a de Cultura e non a de Presidencia, o cu a lamber sería o de Ánxela Bugallo e non o de Méndez Romeu.
Xa me encendín. En breve vou facer escolma das informacións publicadas.
Por certo, María Bouzas escribiu hoxe unha carta na que non está dacordo con que se utilicen as súas palabras fora de contexto como se fixeron (verei se podo colgar tamén a carta)
Fagot | 18-01-2006 22:12:25