Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Luns, 06 de Febreiro de 2006
Publicado en Vieiros
Cine Gallego Denominación de Orixe.
Cando todo parecía un limiar interminable, dicíase imposible unha Galicia de futuro sen unha cultura audiovisual que a colocase no mundo. Antes fora a histórica reclamación duns medios de comunicación propios; en sendo estes unha realidade, coas súas luces e as súas penumbras, a seguinte estación era unha expresión audiovisual propia.
Desde aquela, cada ano, os Premios Goya vannos acordando á vizosa realidade ao confirmaren o éxito estratéxico de participar en proxectos con carácter "independente e cultural". Paseamos a rentes do albor, e con todo e iso un abanqueiro de producións independentes e culturais certifican o mérito dese fenómeno que pegaron en chamar Cine Gallego. Denominación de Orixe, D.O. Igualiña ca Orujo Gallego e Ternera Gallega. Idénticos criterios. Toda unha santa década de esforzos dedicada a armar un edificio tan independente que para sobrevivir só necesita da administración pública e da TVG unha esmoliña. A rendibilidade económica e cultural desas producións independentes -e tamén culturais, ho- esixe ser estudada nas Universidades. Meréceo. Para algo a nosa industria audiovisual é estratéxica, ou polo menos iso dicía o anterior goberno da Xunta. De algunha maneira lles había que agradecer que fosen facendo tanxible aquel soño fundacional. Outramente, por que ía o audiovisual merecer subvencións. Outras industrias xeran máis postos de traballo (en condicións non peores) e bens de primeira necesidade e mais non reciben inxeccións millonarias. A industria do pan, por exemplo, non anda nun constante abaneo nervioso pendente dos baremos que determinen cales proxectos merecen descargar de efectivo os orzamentos públicos.
Hoxe non hai quen negue a necesidade de subvencionar as producións audiovisuais. Debe ser amplo o consenso, e é que ao mellor a sociedade se sente na obriga de compensar humildemente o risco económico dos empresarios audiovisuais, os seus investimentos e sobre todo o seu compromiso indisimulado con Galicia, a súa cultura, a súa lingua, esas cousas. Así que, ben faría a Consellaría de Cultura se se deixase de intervencionismos, se non teimase en querer meter man na cultura idependente e en discriminar a rodaxe en lingua galega, ese absurdo de miras curtas que nos illa, que nos illa. Para que agora, cando a industria leva anos demostrando con produtos independentes e culturais a súa condición de vangarda artística e industrial, ese baremo que, en opinión dos máis conspicuos produtores, é perverso. Sorte que as sacrificadas asociacións de empresas e as compañías privadas (ou sexa, independentes, coma os medios de comunicación) se desvelan osmando o agocho dos nosos intereses sociais, culturais e económicos. O ben común.
Imaxinemos que deica en diante as subvencións dependen de que unha produción sexa considerada galega e que para iso non abonde con que o produtor cumpra a traballosa función de intermediario entre a produtora da película (española) e a Xunta (galega, ou así). Imaxinemos que rodar en lingua galega sexa importante e que por esa imposición localista deixe de facer películas en galego quen queira e quen se atreva, cando todos sabemos que o cine e o mercado non saben de linguas (que non sexa a española, eh!). Discriminación. Imaxinemos que os profesionais galegos sexan algo máis que meritorios dos verdadeiros profesionais (españois, of course) ou que os actores de aquí deixan de ser figuración con frase e mesmo chegan a ter papeis máis importantes ca calquera verdadeiro actor importante de verdade dos que forman ese star sistem que enche e enche salas e salas (español, é obvio). Que sería desta industria pola que os galegos, e as galegas tamén, somos coñecidos en todo o mundo se vai adiante tan perverso baremo. Que sería do Cine Gallego D.O., que percorre o mercado (español, madia leva) deixándonos un ronsel de éxitos de público e crítica que outras cinematografías nin se atreven a soñar. A ver se de vez comprendemos que o audiovisual é mercadoría atenta ás leis do mercado (español, xaora). Tanto minifundismo localista aínda ha terminar por illarnos. E xa fede un pouco, que non?
Os que nada sabemos do negocio non andamos ao paso do tempo nin comprendemos que Cine Gallego D.O. é a marca, simple márketing, como defenden os conspicuos coa boca pequeniña, e así fóra da confraría ninguén poderá destilar orujo. Nin recibir subvencións, ollo, que na era do capitalismo global, imperial, multinacional, xa está ben de tanto intervencionismo non filtrado.
Mais eses que nada sabemos do negocio, fóra das marxes do tempo histórico, teimamos en pensar que o cine galego será, cando exista, todo o que non é o Cine Gallego D.O. Aquel que se presente no mundo como tal, coas súas marcas de identidade; con lingua, actores e equipos, sen renunciar a aprender doutras cinematografías (non só da española, grazas) e a comunicarse con elas. Será aquel que se constrúa sobre as propias referencias, desprezando esa idiocia conxénita do Cine Gallego D.O. que se manifesta na éxtase antagónica do universal contra o local, do urbano contra o rural. Ou sexa, do español contra o galego. Recorrerá, ademais, á bagaxe cultural que vai acumulando este país en diferentes campos, incluído o literario. Será dinámico, autónomo, porque asumirá a concorrencia interna de proxectos estéticos enfrontados. O Cine Gallego D.O. pon en práctica, por contra, con unha inxustificable e esaxerada contribución económica das anteriores administracións autonómicas, unha subalternidade servil a respecto do mediocre audiovisual español. O Cine Gallego D.O. chámase subalternidade. Aló cadaquén co que bebe. Mais o diñeiro público só debera investirse en promover unha industria cultural comprometida coa creación de universos simbólicos propios. O Cine Gallego D.O. leva unha década enteira pactando coa administración a maneira de sepultar todo proxecto que puidese formular un modelo diferente. Fóra de nós, din, moitos graos baixo cero. Que llo pregunten a Manolo González.
Admito que estas miñas opinións nacen de non dar comprendido a excepción cultural nin a profundidade do carácter independente e cultural, galego, de películas como El Cid, Somne, Sé quien eres, La Promesa, Cargo, Cuando vuelvas a mi lado, Camarón e un etcétera demasiado longo. Quizais nos move un perverso desexo de illar o noso audiovisual triunfante, axear o seu imparable crecemento e ignorar o seu recoñecemento mundial e o seu éxito de crítica e público. Va que si? Que para iso é para o que se lle debe esixir á Consellaría de Cultura –e, por extensión, á TVG- que se deixe de pamemadas lingüísticas e pailanadas ao caso e se decida por entregar en man os cartos que ten que entregar. E non preguntar.
Ou non é?
Por: Fagot | A Debate | Comentarios (0) | Referencias (0)