Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Martes, 28 de Febreiro de 2006
RTVE foi un ente problemático desde a súa fundación. A canle foi aumentando anualmente a súa débeda mentres os distintos gobernos españois se dedicaron a encubrila con distintas formas de financiamento que non tiveron ningún froito.
É unha realidade que RTVE é unha canle ruinosa. Desde o seu nacemento, e ata hoxe, a débeda de RTVE supera xa o billón de pesetas. Coa entrada de Zapatero no goberno apareceu a primeira intención de facerlle fronte á debeda de RTVE e por primeira vez desde que o ente exixte había un partido no goberno que pretendía reconvertir a canle pública para que deixase de ser un pozo sen fondo.
A primeira medida que se tomou foi a creacción dun comité de sabios (que paradoxicamente algúns deles afirmaban non ver a televisión) para que analizasen a situación do ente con vistas a un hipotético futuro. Despois de divagacións etéreas sobre os contidos, unha das conclusións foi que o que necesitaba o ente era privatizarse, aínda que só fose de maneira parcial. Sen embargo, despois do acontecido no goberno de Aznar, en España a palabra "privatización" produce máis pánico que a "gripe aviaria" e está idea atopouse coa confrontación total da SEPI. Aínda así, a idea da privatización estivo latente ata o pasado decembro no que finalmente o presidente da SEPI, Enrique Martinez Robles, anunciaba que RTVE non se ía privatizar.
Por outra banda e como parte dese compromiso que manifestou o PSOE co sanemento de RTVE. O Ministro de Economía, Pedro Solbes, anunciaba que se ía conceder ó ente unha subvención excepcional de 575 millóns de euros. Un feito sen precedentes que supoñía abonar a RTVE a diferencia entre gastos e ingresos que ten anualmente, ou dito de outra forma incrementar os orzamentos de RTVE de tal xeito que non se produza débeda. Con esta medida, debería quedar garantida a paralización da débeda nos seguintes anos, sen embargo esto non soluciona o problema da débeda xa existente.
Paralelamente a estas medidas, RTVE está no seu peor momento no referente a audiencia. Mentres os sabios debaten sobre o futuro, RTVE vai perdendo liderazgo paulatinamente ata chegar a puntos como perder o liderazgo nos informativos, feito sen precedentes ata o momento.
E con esta situación, aparece a primeira medida trascendente (a da subvención nin se pode considerar), a directora Carmen Caffarel (da que dubido da súa competencia para dirixir este ente) van de anunciar en acordo coa SEPI, que RTVE vai efectuar recortes nas desconexións territoriais. A medida, que vai afectar a todo o estado, coa excepción de Madrid, non deixa de ser cando menos "curiosa" xa que foi feita pública sen nin sequera contabilizar o aforro que lle vai supoñer á canle esa decisión.
Para nós é ademáis unha mala noticia no referente á presencia do galego nos medios de comunicación. Desto se facía eco Vieiros na noticia que adxuntamos a continuación:
RTVE reducirá á mínima expresión as súas emisións en galego
[27/02/2006 19:31] Moitas foron as peticións de distintas asociacións e principalmente da Mesa pola Normalización e do BNG para que a cadea pública Radio4 recuperase as súas emisións en galego, do mesmo xeito que existía esa emisora unicamente en catalán. Pero a vontade de RTVE camiña noutro sentido: o plan de saneamento presentado pola directora xeral elimina as desconexións de Radio 5, reduce as de TVE a media hora diaria e, de paso, elimina a Ràdio4 catalá. A falta dun acordo definitivo cos sindicatos, as horas de galego en RTVE poderían limitarse a 150 minutos á semana.
A Sepi e RTVE presentáronlles aos sindicatos as liñas mestras do Plan de Saneamento e Futuro do Ente, proxecto de obrigado cumprimento para que a radiotelevisión pública cobre a subvención de 575 millóns de euros prometida polo ministro de Economía, Pedro Solbes. A redución de traballo nos centros territoriais, o peche da emisora en catalán Ràdio 4 e a clausura do centro de produción de Canarias son as medidas máis destacadas. Isto tamén suporía unha redución do cadro de persoal, que aínda está sen cuantificar con exactitude, pero que só en Cataluña podería afectar 120 persoas. En Galiza, o persoal fixo de RTVE estaría composto por uns 160 traballadores, máis medio cento de contratados, segundo Uxío Pena (USO). Segundo cálculos desta central sindical, se se estabelecese unha redución de persoal a partir dos 52 anos, dos noventa traballadores de RNE Galiza perderíanse 32, isto é, máis dun terzo do cadro.
O Plan garantiría o mantemento dos dezaseis centros territoriais, pero reduce a menos da metade a súa actividade actual ao limitar as emisións de televisión a 30 minutos diarios, de luns a venres, do informativo da Primeira. Deste xeito, eliminaríanse o resto de desconexións territoriais que a diario se realizan á tarde na 2 e, no caso de Galiza, tamén durante a fin de semana. Tamén se reducirían as desconexións radiofónicas, e en concreto suprimiríanse as provinciais e locais en Radio 5. Na actualidade estas emisións véñense realizando exclusivamente en galego.
Ademais, o plan contempla o peche da cadea Ràdio4, que emite unicamente en catalán. O presidente da Sepi sinalou que a audiencia desta radio é de unicamente 8.500 persoas, o que representa "o custo por oínte máis elevado da radio española e, probablemente, doutros países". Para a directora xeral do ente, Carmen Caffarel, o papel de garantir a difusión do catalán que inspirou o nacemento desta emisora "xa non é necesario" posto que hai "numerosas emisoras públicas que fan a súa programación" nesta lingua. Parece pois que se afasta definitivamente a posibilidade de que Radio4 recuperase a súa emisión en galego, tal e como propuxeron diversas asociacións e entidades, e sobranceiramente A Mesa pola Normalización Lingüística e o BNG.
Para os sindicatos, este plan é unha mostra clara de "centralismo". De feito, a nova estrutura da televisión e a radio públicas fará que todos os centros territoriais dependan da Área de Informativos de Madrid, tanto os de televisión coma os da radio. O Plan de Sanemamento e Futuro que a dirección de RTVE e a Sepi ultiman elabórase en paralelo á lei de reforma dos medios de titulariedade pública que está a estudar o Senado. A través dunha disposición adicional aos Orzamentos Xerais do Estado, o ministro de Economía, Pedro Solbes, incluíu unha subvención "excepcional" de 575 millóns de euros en troca dun Plan de Saneamento.
___________________________________________________________
Persoalmente, non me cabe ningunha dúbida, por moito que protesten os sindicatos, que o futuro de RTVE pasa por un despido masivo. Pero esto é así, entre outras cousas porque Torre España ten en nómina a milleiros de traballadores que levan sen pisar o seu lugar de traballo varias décadas (esto é certo). Sen embargo, contra quen se toma a medida é contra os centros territoriais que ademáis de ter infinitamente menos recursos, menos persoal, e por conseguinte son moito máis baratos. A medida, lonxe de aliviar o panorama, o que constitúe é unha reforma centralista que non beneficia a RTVE que se supón que debe ser a televisión de todos. Máis ben, o que semella é a reconversión do ente nunha plataforma local. A min lembroume a Tele Coruña nunha ocasión na que se facía o sorteo da Champions e en lugar de mandar unha cámara a Mónaco o que fixeron foi poñer unha cámara no Playa Club que retransmitía en directo o mesmo que estaba a retransmitir TVE. Con medidas como esta igual algún día vemos unha cámara de TVE diante dun televisor retransmitindo o mesmo que está a emitir Tele Coruña.
Enlaces de interese:
Notas de prensa de RTVE
Por: Fagot | A Debate | Comentarios (5) | Referencias (0)
¿Que fai a BBC que non fai a RTVE? Polo que sei, a primeira ten deslocada tanto produccion como emisións "rexionais" (así lles chaman eles), pero de maneira efectivísima. Hai programas, series, telefilmes...de gran presuposto (e éxito) que son coproducidos por esas seccións rexionais da BBC en Gales, en Escocia, nas Middlands...¿Tan malo sería cobrar un canon en España pola tele?
Nilde | 02-03-2006 13:57:24
E de paso facela "optativa" :) O problema non son que pagues ou non senón o propio sistema funcionarial que en determindas cousas non funciona. Mentres no sector privado se esixen resultados, no sector público están a pensar en saír se cabe unha hora antes.
Onte estiven na TVG facendo uns rollos e ás 13.30 xa había quen me estaba a meter presa porque tiña que marchar. Esta é a realidade que temos, a xente non se preocupa do seu traballo senón de fichar, cobrar e rascala.
Fagot | 02-03-2006 18:34:16
O problema é o código moral da nosa cultura. En vez de despreciar ao vago, ao listillo, ao espabilado que vive coma un rei a costa do sudor de outros, aplaudímoslle. E non nos sentimos lexitimados para chamarlle a atención aos outros por este tipo de conductas, se o facemos case sentimos vergoña nós. Eche o mundo ao revés, e parece non ter remedio. Nesto si que podíamos amitar un pouco aos ianquis.
Nilde | 03-03-2006 15:58:14
Si que tes razón, pasa o mesmo coa xente que defrauda a facenda... É bastante lamentable e síntoma de falta de civismo. En fin, contra a mala educación o único que se pode facer é educar mellor pero tamén é complicado atoparse con xente que pense a longo prazo.
Fíxate por exemplo o caso de Ana Rosa Quintana, se eso acontecese, xa non nos EE.UU. senón nun país nórdico ou mesmo en algún dos países baixos esa muller non volvía conducir un programa polo menos nunha longa tempada.
Así nos vai.
Fagot | 03-03-2006 18:07:25
Non creas, mira a Martha Stewart nos USA, que a meten no cárcere por participación en estafa ou fraude ou non sei que delito económico e ten máis fama e máis oportunidades de facer o que lle dea a gana na tele que nunca. Creo que na Gran Bretaña non sería o mesmo (alí os ministros dimiten por saltarse a cola do metro, pouco menos) , pero tampouco estou segura.
Nilde | 10-03-2006 23:27:48