Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Sábado, 18 de Marzo de 2006
O que vemos aquí non é o logo oficial deste ano, pero parécese :)

Despois de varios días intentando facer de Académicos vocacionais e buscando tódalas produccións nominadas para velas chegamos ás conclusións que exporemos a continuación. En primeiro lugar, e aínda que non veña a conto, non me gusta nada que os premios se chamen MM 05 cando estamos no 2006 e hai produccións nominadas que son do 2004. Xa está, imos ó que imos.
Mellor Longametraxe:
Temos dúbidas neste apartado. Cremos que hai dous títulos que o merecen: Heoína e León e Olvido. Premiar a calquera das outras dúas parecería unha falta de respeto. Para min, a mellor é León e Olvido, sen embargo creo que o premio vai ser para Heroína. Continental non saiu moi ben parada na edición anterior dos MM e esta é unha película moi digna polo que creo que parte como favorita. Na súa contra está que se trata dunha coproducción, pero ó seu favor que narra a historia dunha personaxe galega ambientada en Galiza. León e Olvido parte coa desventaxa de ser unha producción independente e non ter o peso dunha grande productora detrás. Ó seu favor está a grande traxectoria de premios que tivo nos festivais. Entre medias, é probable que se poida colar "O soño dunha noite de San Xoan" por tódalas nominacións que acumula, pero tamén pode ser a gran derrotada da gala.
Mellor Longa documental:
Aquí estou perdido, non conseguín ver ningunha das tres. En todo caso paréceme unha categoría moi pobre habendo outra que é "Mellor documental" a ver se as unifican dunha vez. Xa estamos coa teima de deixarlle espacio a todo o mundo, en fin. Sin velas, atrévome con Exilios porque semella a que ten máis relacción con Galiza.
Mellor película de tv:
Tampouco as puidn ver. Vin un cacho de "Máis ca irmáns" pero aburrinme e deixeina. En todo caso creo que vai ser a premiada. A razón, a mesma de antes, Continental saiu mal parada o ano pasado. Ademáis Ramón Costafreda, o director, xa ten unha traxectoria en Galiza e é un profesional recoñecido polo sector.
Mellor programa de Tv:
A categoría máis triste deste ano. Evidencia que as televisións non teñen nin o máis mínimo interese nestes premios e non envían as súas produccións polo que teñen que ser os profesionais a título persoal os que busquen o seu propio recoñecemento. Esto é patético, tanto por parte da TVE como da TVG e da grande cantidade de locais que existen. A cousa para o premio está ó 50% pero imaxino que o galardón irá para Consumidores xa que estamos a falar de tv, o que prima na tv é a continuidade e non se pode premiar a un programa dunha soa emisión como a "Gala Solidarios" en detrimento de outro que ten unha traxectoria en antena.
Mellor serie de tv:
A gran categoría, a de máis rivalidade e a de máis calidade de todas desde que existen estes premios. Non teño dúbidas e o premio vai ser para "Libro de familia" o fenómeno televisivo do ano. Este vai ser un pao para Voz Audiovisual que perderá a hexemonía no que é o reinado da ficción televisiva. "As leis de Celavella" e "Terra de Miranda" están xa algo queimadas para poder competir e "4º sen ascensor" non chega ó nivel e só sirve de testemuño da aportación de Filmanova á ficción televisiva. En todo caso, creo que o premio a "Libro de familia" asegura que o ano que ven a serie premiada sexa "A vida por diante".
Mellor documental:
Vin partes de 3 deles pero parecíanme tremendamente aburridos así que non sei por cal decidirme. Son todos excesivamente políticamente correctos o que os fai moi ñoños. O de "Sempre Xonxa no Petín" ten cousas extremadamente pedantes como un paseo con Steady cam pola Rúa con música de Wagner. Por dicir un decántome por "En Son de Paz" de Saga Tv por aquelo da mensaxe pola integración. En todo caso esta categoría cada vez está peor.
Mellor producción interactiva:
A categoría máis estúpida dos premios. Sempre vai parar ás mesmas mans Interacción. Así que este ano tamén e gañará "O mando, manda". Non sei que pinta esto nos premios do audiovisual pero eu estou pensando seriamente se mandar este blog o ano que ven. Non me premiarán pero igual me nominan. En todo caso, xa postos, eu quero que lle den o premio á Web de Avelino González que me fai coña.
Mellor producción de publicidade:
Está claro, os publicistas tampouco se toman en serio estes premios e non mandan os seus productos. Queda claro, vai gañar Caixanova que patrocina o acto.
Mellor curtametraxe de ficción:
Non vin unha das favoritas: "Te quiero mal" de Ficción producciones. En todo caso molestaríame que gañara porque é dunha directora catalana e rodado en español. De feito tódalas curtas son rodadas en español salvo "Mártires". Non tiven tempo de comentar estas curtas pero en resumidas contas "Rosas" é mala, "Redondeo" é a peor e "Mártires" sálvase, sobran as palabras.
Mellor curta de animación:
Non conseguín ver ningunha.
Mellor dirección de producción:
Para "o soño" só lle pode facer sombra "Heroína" pero dubido que llo den competindo contra un filme de animación. Polo demáis as series non teñen nada que facer.
Mellor foto:
Este é o premio máis dificil da noite. Faime gracia que está nominada "O soño" cando o seu director de foto nin sequera aparece nos créditos de cabeceira. Eu quero que llo den ó "Soño" porque sería o premio máis ridículo da historia dos MM, xa que nesa película nin sequera existe o concepto fotografía, é un puñetero despropósito. Sendo xustos "Heroína" debería levarse o premio por goleada.
Mellor maquillaxe:
Atopamos a Leon e Olvido entre 3 series. É un premio dificil. Creo que o merece "As Leis de Celavella" onde a maquillaxe ten a súa relevancia. Sen embargo non me atrevo a marcala como favorita porque sempre se pode premiar a León e Olvido como compensación a non ter recibido galardóns considerados máis importantes ou a "libro" polo seu éxito. Aposto polas "Leis".
Mellor vestiario:
Tamén complicado. Creo que van volver gañar as series en detrimento dos filmes. O mellor vestiario é o de "Celavella", para min, pero creo que vai gañar "Libro de familia". Segue sendo unha incógnita "León" polo que comentaba antes da "compensación".
Mellor dirección artística:
Vai gañar "O Soño", os demais non poden competir cun filme feito en CGI.
Mellor Montaxe:
Libro de familia. Vai ser a triunfadora da noite e neste premio pouca xente se fixa. En todo caso eu creo que o mellor segue a ser o de "Celavella" porque hai un uso temporal da montaxe que é algo moi complicado de facer.
Mellor Son:
Libro de familia. Igual que no caso anterior. Podería arrebatrllo "o Soño" pero creo que vai ser a serie á triunfadora.
Mellor Guión:
Sendo xustos, este premio debería estar cantado e recibilo "León e Olvido" pero estamos nos MM así que os favoritos creo que son "Celavella" e o "Soño" si o recibe o "Soño" creo que sería un dos premios máis ridículos da noite porque o guión é desastroso. Sen embargo e vendo como van os premios ata o momento, creo que se cumplira co ridículo e que o "Soño" levará o premio.
Mellor Banda sonora:
Noi hai color, a mellor é a de Nani García por "Celavella" pero vai gañar Arturo Kress polo "soño".
Mellor dirección:
Clarísima para Xabier Bermúdez por "Leon e Olvido" aqui si que van ter peso os premios que recibiu o filme e os académicos van querer quedar ben. Non hai rival que poida facer fronte.
Mellor realización:
Giselle Llanio por Libro de familia. Aqui nin da para pensalo.
Mellor Comunicador/a:
Dificil de dicir porque anda polo medio Iolanda Castaño que é a eterna nominada. Persoalmente aposto por Begoña Fontenla.
Mellor actor protagonista:
Aqui os académicos teñen un problema porque me parece que lles costa distinguir un protagonista dun secundario. Así, nesta categoría hai varios secundarios nomindos. Entre eles Fernando Fernán Gómez que debía dar boa prensa incluilo entre os nominados, igual o ano que ven nominan a Peter Mullan por Cargo. Pola competencia, eu creo que premiarán a Fernán Gómez, xa que o nominaron. En todo caso parece bastante triste que nominen a un actor polo seu nome e non pola súa interpretación e que a "galeguidade" dos nominados sexa un raseiro que aplicas aleatoriamente. Para eso, noutras categorías, houbo profesionais non galegos que traballaron en productos "galegos" e que merecerían como mínimo atoparse entre os nominados. Ou mesmo o caso contrario, galegos traballando en filmes non galegos, léase por exemplo, a producción de Julio Fernández (Filmax) en "Frágiles" que lle dá mil voltas a tódalas nominadas.
Mellor actriz protagonista:
Aqui os académicos volven ter a mesma confusión que no caso anterior. Nin Iolanda Muiños, nin Cristina Castaño son protagonistas. O premio creo que está moi claro en favor de Adriana Ozores por Heroína. Dáme algo de pena porque Marta Larralde está fantástica. En fin, igual hai sorpresa.
Mellor actor secundario:
Aqui acertaron e son todos secundarios. Creo que o premio vai ser para Gonzalo Uriarte e Libro de familia sumará un máis.
Mellor actriz secundaria:
María Bouzas sen discusión. O seu pepel en Heroína está moi por encima dos demáis.
Esta é a nosa "predicción" xa veremos canto acertamos. Para nós, a priori, Libro de Familia e Heroína van ser as grandes trinfadoras da noite nunha gala onde os premios estarçan bastante repartidos para que non aconteza o do ano pasado. A solución en directo na TVG a partires das 23 horas.
Por: Fagot | A Debate | Comentarios (0) | Referencias (0)