Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Xoves, 27 de Abril de 2006
Información de La Voz de Galicia"
(Camilo Franco/Santiago)
A relevancia política que o goberno da Xunta de Galicia concedeu ao CGAI ao disputar en que lado do bipartito había de caer completará o seu último capítulo o vindeiro luns cando o responsable de Comunicación nomee a Antonio Simón como substituto do ata agora director do centro, José Luis Cabo.
O cambio na dirección do centro culmina unha parte do traballo realizado desde Presidencia para que o audiovisual quedase adscrito ás competencias do presidente da Xunta en lugar de continuar nas competencias da Consellería de Cultura, como ocorría ata o mes de xuño pasado.
No reparto de competencias audiovisuais, no que a grandes rasgos quedou a difusión e a televisión en Presidencia e a creación audiovisual en Cultura, o Centro Galego das Artes da Imaxe quedou a medio camiño entre as dúas instancias da Xunta e provocou unha certa batalla entre ambas por conseguir o control dun organismo que ata agora funcionou á maneira de filmoteca nacional, de arquivo da imaxe e como promotor de actividades académicas e de difusión do cine en xeral e do cine galego en particular.
A disputa política por esta institución acabou co CGAI integrado na estrutura da Secretaria Xeral de Comunicación por máis que Cultura tiña planos para dotar de máis competencias, de maior capacidade e dun incremento presupostario a este centro.
Esta integración definitiva en Comunicación supuxo, segundo diversos integrantes do audiovisual galego, a definitiva partición do sector entre dous ámbitos administrativos e, na mesma gala dos premios e nas semanas seguintes, voces destacadas da produción galega sinalaron que o aconsellable sería reunir todas as competencias do audiovisual nun só organismo para evitar unha posible dispersión do esforzo á hora de crear e promocionar o cine propio.
Neste sentido, o responsable de Comunicación, Fernando Salgado, asegurou que «non había problemas de comunicación entre os distintos departamentos do audiovisual» e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, indicou que entendía e apoiaba a reclamacións dos profesionais do sector e que «non era preciso crear ningún organismo novo para conseguilo». Bugallo insistiu, ademais, en que en todos os gobernos do entorno xeográfico galego, «o audiovisual é competencia de Cultura».
Desde o cambio de goberno da Xunta de Galicia tras as eleccións de xuño pasado e as sucesivas renovacións de responsables á fronte dos diversos departamentos autonómicos indicaba que o responsable do CGAI durante os últimos anos sería cesado, José Luis Cabo foi mantido como responsable por Ánxela Bugallo.
O cese de Cabo foi notificado xa e a súa substitución por Antonio Simón é atribuída no entorno cultural coruñés como resultado da presión exercida polo PSOE da cidade para controlar unha institución que, entre outras circunstancias, é unha das poucas autonómicas con carácter cultural que está radicada na Coruña.
Durante os últimos anos, Antonio Simón ten participado máis activamente no mundo teatral galego que no audiovisual, fundamentalmente como actor ou escenógrafo, aínda que tamén dirixiu para o Centro Dramático Galego a finais dos noventa.
O seu proxecto audiovisual máis coñecido foi a dirección de A noiva de medianoite, un guión recuperado de Luis Buñuel e José Rubia Barcia filmado en 1997 e coa participación de Esperanza Roy e Paco Rabal no seu reparto.
_____________________________________________________________
Sorpresa, Sorpresa
Cando se fixo o reparto de competencias da presente política audiovisual quedaba claro que este ano ía ser, cando menos no sector, moi divertido.
Unha das situacións que máis dou de sí foi o control do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe). Moitos descubrimos que tiñamos unha institución que era a repanocha, que levaba uns cantos anos facendo promoción cultural e non sei cantas máis historias sen que os galegos de a pe nos percatásemos da súa existencia, vaia por deus.
Así que non é de estrañar que se precisase dun físico nuclear para dirixir tan magna institución. Stephen Hawking andaba liado así que desde fai uns anos se lle encargou esa labor a José Luis Cabo. Como foi en tempos do Califato fraguista, un rexime que semellaba eterno, ninguén se preocupou dunha entidade que debía funcionar con só ensinar as súas siglas (máis ou menos como a Coca-Cola).
Sen embargo, pasou o antigo réxime e maxicamente cambiou tamén o "talante" de varios organismos incluso antes de que chegasen varias sacas de votos de Buenos Aires.
E coa chegada deses votos comezan as loitas, pelexan os de sempre, os continuistas por un lado, e os reformistas por outro ata que se chegou ó Primeiro Concilio do CGAI I.
Pese ó berrinche que se pillaron no BNG, o CGAI nunca chegou a estar no seu control pese ós pactos de goberno (fagamos memoria) E todo remataba nun reparto de pastel audiovisual.
Pero cando a cousa parecía zanxada, Sorpresa!!!! resulta que pese a que o CGAI era a repanocha, o buque insignia do audiovisual e pata tin pata tan cesan ó seu director, a quen se lle conte!!.
Esto é o que hai. A min chámame a atención certas aseveracións de Camilo Franco no artigo precedente: "diversos departamentos autonómicos indicaba que o responsable do CGAI durante os últimos anos sería cesado, José Luis Cabo foi mantido como responsable por Ánxela Bugallo"
Está ben eso de cargar mortos a quen interesa, pero sen intentar defender a ninguén dificilmente unha conselleira pode ratificar nun cargo a un director dunha institución que non está abscrita á súa Consellería (Cando menos sobre o papel). Por outra banda nós tamén puidemos ler a seguinte información: "Tras asegurarse finalmente o control do Centro Galego das Artes da Imaxe, o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, non ten présa por operar cambios na súa dirección, que polo momento seguirá ocupando José Luis Cabo" (Galicia Hoxe)
Pero hai máis: "O cese de Cabo foi notificado xa e a súa substitución por Antonio Simón é atribuída no entorno cultural coruñés como resultado da presión exercida polo PSOE"
Realmente non sabemos se esto é asi exactamente, pero o que lemos hai uns meses foi: "De feito, foi José Luis Cabo quen lle serviu en bandeixa á Presidencia da Xunta unha oportunidade de ouro para facerlle fronte á conselleira Ánxela Bugallo nesa sorte de pugna que manteñen polo protagonismo en materia cultural." (Galicia Hoxe)
En fin que debe estar a poñerse de moda eso de escribir o que a cada quen se lle ocorra, dentro de nada en lugar de xornais só imos ter blogs, uns na rede e outros impresos.
Fora de todo este rebumbio de imprecisións e contradiccións está Antonio Simón, un home vinculado ó PSOE e que se fai co cargo no medio dunha tormenta de informacións da que non sabemos nin a metade do acontecido porque en Galiza hai moitas cousas sumerxidas ademais da economía.
O que está claro é que Antonio Simón é un home claramente vinculado ó mundo das artes escénicas e por extensión ó audiovisual. Non queremos desmerecer a figura de José Luis Cabo pero cremos na alternacia para revitalizar as institucións (cremos que é o máis coherente).
Recemos porque este sexa o final desta telenovela que merecería unha serie da TVG. E sorte para Antonio Simón, é un home que fixo moitísimo pola cultura galega e ten unha oportunidade de ouro para engrandecer a institución do CGAI. Agardemos que polo seu traballo e non polo que publiquen os blogs impresos.
Por: Fagot | Institucións | Comentarios (5) | Referencias (0)
Nota á marxe:
Tanto en El correo gallego, como en Galicia Hoxe aínda non se fixeron eco desta nova pese a informar puntualmente de tódalas trifulcas anteriores.
No seu lugar, El Correo gallego decide publicar unha fantástica entrevista co Director Xeral de Comunicación Audiovisual.
http://www.ocorreogalego.com/index.php?option=com_...
Fagot | 27-04-2006 13:14:42
Hoxe xa teñen a información:
http://www.galicia-hoxe.com/index.php?option=com_c...
Fagot | 28-04-2006 10:53:21
Nilde | 02-05-2006 16:32:54
Ui ese comentario :)
Non sei porque me acabo de lembrar de certo refrán español que dí: "El muerto al hoyo y el vivo al bollo".
Fagot | 02-05-2006 20:48:31
Tiña que dicilo ou rebentaba, pero tampouco quero ensañarme. Se fóra contar exactamente porque me cae mal Cabo, sería ben máis extensa e faríao co meu nome e apelidos. E nin quero ser mala, nin quero deixar o doce anonimato.
Nilde | 03-05-2006 12:45:22