Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 05 de Maio de 2006
Onte foi a última proxección nos cines Equitativa da Coruña. Outras salas máis que desaparecen.
É un drama pero así está montado o conto. A xente da miña xeración leva desde os anos 90 vendo como van pechando unha sala de cine detrás de outra. Primeiro foron os cines como tais, é dicir, unha enorme sala con anfiteatros e demáis onde se proxectaba unha única película. Esto rematou reconvertíndose en multicines e o seguinte paso a esto é inevitablemente o peche.
Onte tocoulle ós multicines Equitativa da Coruña. Uns cines que tiveron a súa orixe en 1948 co "Cine Equitativa" e que se reconvertirían en multisalas en 1992. Eran uns cines incómodos, con algunha sala mal insonorizada, cun sonido que non estaba á altura dos tempos que corren e incluso con butacas colocadas en sitios onde unha columna che tapaba un cacho de pantalla, pero eran tamén os cines onde chegaban títulos que ninguén máis, salvo filmotecas e cineclubes, querían programar. Lembro que o primeiro filme que vin alí foi "Fisterra" na súa versión en galego, e por alí correron outros títulos como "Abre los ojos", "Memento" ou máis recentemente "Bowling for Columbine" que foi o único cine de Coruña que a proxectou, ou "La casa de mi abuela" que debe ser o primeiro filme da historia que vai rematar con máis premios que espectadores.
Onte lembreime desto cando fun á última proxección que se ía celebrar nas salas. 23 horas. E en cartel: "En busca de un beso salvaje", "Otros Tiempos", "Tirante el Blanco", "Eres muy guapo" e a que vimos facendo honor ós cines, "De latir, mi corazón se ha parado".
O panorama era triste. A taquilla estaba desmantelada e posta nun lugar provisional. Na cola había catro pelagatos preguntándose que ver ante os irrecoñecibles títulos e á saída restos de carteles raídos, os que ninguén se quixo levar para a casa e que quedaban alí esquecidos. Entre a desfeita andaban un cartel de "Vodka lemon" e un monstruoso "chisme" de cartón de "Batman Begins" a tamaño natural. Eso foi todo.
Dicían os responsables do cine que desde que abriron os Filmax, xa non tiñan nin para cubrir gastos. Supoño que é lei de vida capitalista. Pero da pena.
A verdade é que todos somos un pouco culpables e basta con ver as cifras de taquilla do cine non americano. Hai grandes obras que ninguén paga por ver nesta época na que as salas son patrimonio do efectismo das superproduccións e non do "séptimo arte". Hai quen fala de precios abusivos, hai quen dí que é culpa de pseudointelectuais que coas súas bazofias remataron botando á xente dos cines e arruinando o cine de autor, hai quen pensa que o cine xa está morto e que facer películas é un simple exercicio de romanticismo. Pero eso xa é entrar noutro debate.
O único que me queda claro é que hoxe, os cines Equitativa xa non existen, e cando remataron os créditos, os que queremos ó cine, morremos un pouquiño.
Por: Fagot | Cinema | Comentarios (4) | Referencias (0)
Pois é moi triste, o cine de Cariño tamén pechou a semana pasada despois de case cincuenta anos de actividade (case ininterrumpida) e de ter mellorado sempre todo ese tempo tanto local como equipamento técnico. convidaron a todo o mundo ás últimas sesións, pero eu non puiden ir da pena que me daba.
Nona | 08-05-2006 13:42:09
Pois aínda é unha sorte ver que en Cariño o cine chegou ata hai unha semana. Eu nos 90 vin como pechaban tódalas salas ó meu redor. En fin todo parece unha espiral sen solución, a xente non vai ó cine, as entradas son moi caras, o mantemento é costoso, etc, etc...
Fagot | 09-05-2006 02:21:03
Hai tempo fun a umha palestra que daba um rapaz ex-director de fotografia, e digo ex- porque ao final o moço cansara de estar a velas vir e voltara a súa vila natal, Eibar na procura dum trabalho máis estábel . Saiu, o tema da falta de utentes do cinema galego, espenhol, europeu bom em geral "no-american".
Segundo ele, a asobalhadora presença de cinema ianqui nas salas debiase em boa medida ás distribuidoras. O choio era assim, se eu tenho um multicine e vou onda a Distribuidora porque quero exibir "Matrix", o nacho vaime dizer "ok, man", se queres "Matrix", tés que levar no pacote "American pie 6", "Scary movie 5" e a derradeira bosta, perdom comedia romántica de Sandra Bullock e Matthew McCona..como se diga.
O dono do cinema, traga.
A gente tragamos.
E os directores e equipas que tenhem pagado o filme pola subvençom de Cultura, tragan. Tanto lhes dá que o seu filme chegue ao vulgo, eles ja cumprirom.
Soluçom?
E ligo co tema do fío, se cadra nom era mala soluçom que as salas de cinema que estan a pechar a día de hoje, fossem compradas polas instituçoms pra fazer-lhe um oco a tantas e tantas producçoms que nom temos ocasiom de ver. Se cadra, habería menos cartos pra orzamentar filmes ou festivais aos que nom vai (quase) ninguém. Máis, nom se pode contentar a todo o mundo, nom si?
Beltram | 18-05-2006 21:58:24
Eu estou completamente dacordo, de feito é unha reclamación que xa se fixo nalgunha ocasión. O malo é que eso só soluciona parte do problema. A outra parte é que a xente non vai ver as películas. Un exemplo desto é o CGAI, programa, moitas veces gratis, centos de filmes que son auténticas xoias pero a súa sala conta habitualmente con 20 ou 30 persoas sendo xenerosos.
O principal problema é que o goberno, non digo o galego (que pouco pode facer) senon o de España, nos ten absolutamente desprotexidos. A semana pasada estreouse O Código Da Vinci con 750 copias o que significa que a puñetera película vai tapar moitos dos espacios que servirían para ver outro tipo de cousas. Esto é competencia desleal e mentres non se lle poña freo, igual que á práctica que apuntabas (que tamén acontece na televisión) o único lugar cara o que avanzamos é cara a desaparición.
Fagot | 24-05-2006 11:33:42