Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A peli do día

Acerca de

Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com

Búsqueda

Líganos


Estadísticas

Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Créditos

Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com

Parcelaria Virtual pola Cultura Galega

Martes, 09 de Maio de 2006

Lanzamento en Dvd dunha colección de cinema galego.

O xornal La Voz de Galicia lanzará esta fin de semana a primeira entrega dunha colección de dvd baixo o título "Galicia de Cine" que fai un percorrido pola cinematografía galega.

Así definen a colección en La voz de Galicia.

O FITO DE CHANO PIÑEIRO.

Para a cultura galega, «Sempre Xonxa» non é só unha película. Chano Piñeiro retratou a emotiva historia da protagonista e dous homes, pero tamén chantou unha peza fundamental sobre a que foi posible seguir construíndo o cine galego.
A capacidade de soñar define todas as culturas. No caso da galega, a literatura ocupou durante moitos anos ese papel de crear fabulacións que enchesen a imaxinación dos seus lectores. Pero tamén durante moitos anos o desexo dun cine propio era un soño que parecía inalcanzable. Foron moitos os galegos cun papel decisivo na evolución da sétima arte, pero un cinema xenuinamente galego era unha asignatura pendente no eido da creación.
No entanto, co traballo, o esforzo e a visión de pioneiros e persoas que se entregaron á consecución do seu soño, Galicia conta agora cun sector audiovisual de seu que vai camiño de asentarse e tratar de ti ao doutras culturas. As estreas de películas feitas en Galicia ou con participación galega cada vez son máis frecuentes nas salas e hai xa anos que a ficción das series conquista o gusto dun público maioritario.
O DVD permite tamén gozar sen límite daquelas películas que xa pecharon o seu tránsito pola gran pantalla ou as series de éxito que deixaron de emitirse. Neste formato, La Voz de Galicia ofrece a partir do vindeiro domingo aos seus lectores unha selección do mellor desta produción audiovisual, tanto a concibida para as salas de cinema como para a televisión. A colección Galicia de cine escolma en doce DVD varios títulos sen os que non se entendería a cultura galega dos últimos anos: Sempre Xonxa , de Chano Piñeiro; A lingua das bolboretas , de José Luis Cuerda sobre textos de Manuel Rivas; a adaptación de Xavier Villaverde da novela de Suso de Toro Trece badaladas ; O lapis do carpinteiro de Antón Reixa e o pioneiro filme de animación O Cid, a lenda . O cine tamén está presente no DVD Pensando en soledad , con traballos sobre o pai da sétima arte en Galicia, José Ernesto Díaz Noriega.
Estes traballos complétanse con outros dous discos nos que se recollen algunhas das curtametraxes máis relevantes do cine galego -entre os títulos seleccionados suman máis dun cento de premios- e os documentais máis reveladores sobre cuestións como a catástrofe do Prestige ou o legado de Castelao.
En canto á produción para televisión, Galicia de cine achega títulos míticos que ficaron na memoria de varias xeracións de espectadores: Mareas vivas, As leis de Celavella e Terra de Miranda . Este apartado complétase co telefilme Entre bateas.
Este domingo chegará aos quioscos a primeira entrega, Sempre Xonxa , ao prezo dun euro. As citas seguintes serán os domingos e cada DVD custará 3,95 euros.
____________________________________________________________

Mañá farase en Coruña a presentación da colección de Dvd da que conseguimos algunha información adicional, non moita, á que publica o xornal.
En primeiro lugar, chámanos a atención que so se faga referencia a Sempre Xonxa na primeira entrega da colección xa que o primeiro Dvd, polo que puidemos saber é unha edición de luxo, xa que ademáis do filme, inclue a curtametraxe "Mamasunción", unha das mellores curtas do cinema galego e que foi a que deu a coñecer a Chano Piñeiro como realizador. Á súa vez, a modo de extra, o dvd inclúe unha escolma de aparicións de Chano Piñeiro en televisión, algo que para os curiosos e os cinéfilos creo que é de interese.
Tampouco imos ser nós os que nos poñamos a facer publicidade para La Voz, pero desde logo este dvd, á marxe da colección e a precio de 1 euro, parece dos indispensables en toda filmoteca que se precie.
Polo que respecta ó resto da colección non temos moita máis información. Sabemos que no dvd de documentais galegos se atopa "Muxía, política na Costa da Morte" de Ricardo Llovo que xa comentamos no seu día e que tivo un notable éxito de audiencia na súa emisión no espazo Galicia documental superando o 18% de share.
En canto ás curtametraxes vai haber varias xoias en pequeno formato. Entre os títulos que vai incluír o dvd atópanse "Coruña imposible" de Paco Rañal e "Minotauromaquia" de Juan Pablo Etcheverry que son, posiblemente, dúas das mellores curtas que se fixeron en Galiza nunca, xunto a elas tamén estará "Minas" a primeira curta de Dani de la Torre que tivo un notable éxito en festivais ou "Unha luz encendida" de Alber Ponte, no que é a súa curta con maior éxito e que conta coa presencia dos actores, Luís Zahera e Lola Dueñas.
Ata aquí o que podemos aportar a maiores, o resto dos títulos probablemente sexan xa coñecidos por todo o mundo.
En fin, veremos que acollida ten a colección, de momento desde aquí felicitamos a iniciativa e agardamos que sirva para dar a coñecer ó publico galego ás produccións que se están a facer no noso país.

Pd: Non estamos nada dacordo cos primeiros parágrafos do texto da Voz e realmente estamos un pouco ata as narices de que se pense que o cinema galego naceu con Chano Piñeiro. Adoramos a Chano Piñeiro pero non se pode desmerecer o traballo de toda a xente que loitou polo cinema facendo curtas, ou mesmo cinema amateur nos anos 70, algúns nos 60 ou mesmo as pequenas produccións de preguerra. A ver se saimos un pouquiño da ignorancia :(

Por: Fagot | Cinema | Comentarios (2) | Referencias (0)

Comentarios

¿E a matanza canibal? Quero pensar que é porque a reeditaron recentemente en dvd... Por certo, paréceme moi triste que 2o anos de cinema galego só dean para isto... Haberá que arranxalo, non?

Iván | 09-05-2006 23:46:19

A "matanza" creo que non a poderemos ver ata o ano que ven previsiblemente editada por Cameo, daremos información no seu momento.
Por outra banda, no Dvd de "Pensando en Soledad" vai haber máis material que non se atopa nos 20 anos de marras :)
En fin, supoño que por algún lado hai que comezar, por outra parte sei que hai moitos problemas de dereitos de autor en bastantes traballos e eso fai complicado a súa edición en Dvd. En todo caso, e xa que está de moda falar do tema, quen debería dedicarse a facer estas reedicións e a achegarnos o audiovisual galego a todos é o CGAI que para eso o pagamos todos.
Pero si, hai que arranxar esto, por poñer un exemplo, en Asturias xa se levan unhas cantas entregas nos xornais de "Cinema Asturiano en Dvd" e aquí aínda non saíra ningunha colección destas características.

Fagot | 10-05-2006 01:07:18

Comentar


Recordar datos