Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Xoves, 01 de Xuño de 2006
Información de Galicia Hoxe
Os lazos de colaboración entre Cuba e Galicia en materia audiovisual estreitáronse onte o mediodía no decurso dunha xuntanza mantida en San Caetano entre o secretario xeral de Comunicación da Xunta e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, e o vicepresidente do Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográficos, Benigno Iglesias. O directivo do Icaic, fillo dun galego de Ponteledesma, explicou o desexo do país caribeño de establecer con Galicia "un vínculo que vaia máis aló de relacións esporádicas, xa que temos a vontade de iniciar unha relación que perdure no tempo".
En virtude do acordo onte asinado, o cine galego vestirase de gala na primeira quincena do mes de xaneiro do vindeiro ano para ser exhibido nas mellores salas de Cuba, como o Cine Chaplin, que conta cun aforo de 1.400 espectadores. A difusión da produción audiovisual galega será aderezada con pases noutra cidade da illa, á parte da Habana, que podería ser Matanzas ou Cienfuegos.
Iglesias, na súa visita institucional á Xunta, presaxiou a grande acollida que o cine galego terá no país americano, non só pola calidade da obra galaica, senón tamén polo "colorido que se pode ver nas nosas provincias cada vez que se organiza un acontecemento vinculado co cine".
Outra posibilidade que se está a barallar dende a Xunta é a de presentar unha produción galega ao Festival da Habana, acto que reúne no mes de decembro de cada ano a máis de 400.000 visitantes. Este feito sería factible en caso de propor unha película con temática baseada en América Latina ou ben dunha coprodución galega e latino americana.
Ademais da difusión do cine de orixe galega, ratificouse o compromiso de revisar o cine producido en Cuba relacionado con Galicia e difundilo a través dun pequeno ciclo. Así, farase un repaso dos fondos da Cinemateca Cubana para articular esta mostra, na que se incluirá a exposición dun anuncio restaurado polo CGAI sobre unha festa de Galicia en La Polar (La Habana, c. 1954). Así mesmo, no marco da Cinemateca Cubana, levaranse a cabo outras actividades artísticas e culturais, que reforzarán a mostra da produción galega á illa americana.
Outra das liñas de colaboración que se impulsará ten que ver coa recuperación, por parte do Icaic, de material histórico relacionado con Galicia.
Benigno Iglesias asegurou que existe un amplo arquivo de material histórico deste tipo en Cuba, aínda que precisou que nalgúns casos se trata de material que precisa de restauración. Tanto as institucións cubanas como as galegas aseguraron que farán un grande esforzo para rescatar pezas que conseguiron un gran valor engadido co paso dos anos.
Por: Fagot | Institucións | Comentarios (0) | Referencias (0)