Laburo España: 250.000 ofertas de empleo

A peli do día

Acerca de

Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com

Búsqueda

Líganos


Estadísticas

Estadisticas y contadores web gratis
Oposiciones Masters

Sindicación

Añadir a Feedness
RDF XML ATOM

Créditos

Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com

Parcelaria Virtual pola Cultura Galega

Domingo, 27 de Agosto de 2006

Prezado Setembro

Unha historia da TVG



Setembro é por méritos propios o mes máis importante do ano. A xente incorpórase ó traballo despois de semanas enteiras vendo como o seu bandullo se vai inflando a base de cañas, no mellor dos casos, ou despois de semanas enteiras só e aburrido porque os teus colegas marcharan a tomar “mojitos” á República Dominicana. Chegan coleccionables ata de caixas de mistos, desaparecen as cancións pegañentas e omnipresentes e fai acto de presencia o opiáceo máis potente desde a invención do cloroformo: o fútbol.
Esto é así. E o principal escaparate onde se evidencia a situación é a televisión. Sen embargo, os avispados deste negocio comezaron a darse conta de que os meses de verán non son unha charanga e que os excesos estivais rematan por pagarse cando comezan as cousas serias e esta vez non por quilos no bandullo senón por datos de audiencia. Tanto é así que as televisións “serias” optaron en maior medida por conservar as súas grellas e reducir os experimentos ó mínimo e sempre de xeito controlado. Alleas a este panorama están as televisións públicas que aproveitan calquera ocasión para facer gala do seu carácter funcionarial e para as que todo dá igual salvo rematar a xornada con puntualidade e recibir a nómina a tempo. Total, para eso están os orzamentos xerais do estado. Así pouco importa que TVE repoña en Prime Time “Ana y los 7” ou que a nosa tele..., que dicir da nosa tele?
Non sei porque me ven á cabeza certa gala de hai uns meses na que Suso Iglesias director da cadea presentaba a nova programación. Eu, coa miña credulidade e inocencia habitual pensei que estábamos ante o fito histórico que tantos anos levábamos agardando na nosa televisión pública: o cambio.
Resoan na miña cabeza o eco das palabras daquela gala “potenciación dos programa culturais e do debate”, “modernización da canle en seis meses”, “cambio de imaxe do Luar” (esto ten especial coña). Soaba tan bonito que me chegou á alma.
E o certo é que a TVG, a nosa televisión pública, a tele de tódolos galegos, cambiou. Vaia se cambiou. De entrada conta cos peores datos de audiencia de toda a súa historia. Poderíase dicir que tocaron fondo, pero o certo é que están cavando un buraco para poder ir máis abaixo. Os meses de verán serviron para eliminar calquera rastro daqueles programas de nova xeración que ían supoñer a modernización da canle e se miramos a grella da TVG nos atopamos co seguinte:

“A Revista” e “O Agro” programas paradigma da modernidade que se moven en torno ó 15% de share que é máis ou menos a audiencia actual da TVG.

“Telexornal”. Programa obrigado en toda canle non exento de polémica xa que segundo o PP sae máis a cantante Olvido Gara que o seu candidato ó goberno, Nuñez Feijoo.

Dos tetos pasamos ás tetas. As tardes da TVG son tardes de silicona con: “Escola de surf” (15.50), “Pacific Blue” (16.50) “Os vixiantes da praia” (17.45). Como diría Buenafuente, está “en la cresta de la ola”.

A partires de aí algunha variación, un novo “Telexornal” e o programa estrela do verán “Supermáster”. 6 días de “Supermáster”, un inmenso karaoke que faría as delicias do xaponés máis fanático pero que nos toca disfrutar ós galegos.

Pero xa que 6 días de “Supermáster” non colman as pretensións da Galiza “cantante” a TVG proponnos outros orixinais formatos como “Mundo Verbena”, “Orquestras de Galicia”, “As favoritas”, “Noitemóbil” e como gran variación de formato nocturno, “O pequeno gran show” e reposicións de “Pratos Combinados” durante 4 horas e media (De 22.00 a 00.45 e de 1.00 a 3.00 dos mércores).

Como se pode apreciar esto supón un cambio radical no que á nosa televisión se refire. Daquela, co goberno do PP, a TVG era coñecida como a “telegaita”. Como a chamaremos agora? Igual París de Noia directamente, xa que seguramente existen canais temáticos con maior variedade de contidos que a nosa TVG.
Queda de manifesto ese compromiso do bipartito PSOE-BNG pola cultura e o debate, o que pasa e que igual fomos nós os que entendemos mal e nos fixemos unha imaxe errónea nas nosas cabezas. A pena é que seguramente hai uns cantos “ex” deses que foron criticados, insultados e menosprezados por exercer de profesionais durante outro goberno que deben de estar a esmendrellarse de risa e que sen realizar un traballo brillante na súa etapa se revalorizan, con razón, ante a decadencia do panorama actual.
Pouco importa xa que setembro cambie de raíz (que non sei se o fará) unha grella lamentable porque recuperar os puntos de share perdidos non é unha cuestión de grellas e unha cuestión da imaxe que temos os galegos da nosa televisión.

De series e fútbol.

20 anos ten xa a TVG e desde os seus inicios foi unha canle en permanente búsqueda de identidade. Unha identidade que rematou caendo na chamada “telegaita” dada á folclorada fácil, á pandeireta, ó chiste verde e o público vello, rural e sobre todo conformista. A esto chamóuselle nos estatutos da CRTVG: “defensa e difusión da cultura galega”. Sen embargo desde mediados dos 90 comezaron a aparecer productos que conseguiron unha fidelidade do público. Un público que podía ser alleo ó resto da programación da canle pero que sen embargo acudía puntual á cita que lle interesaba. Estes productos foron: as teleseries e o fútbol.
O camiño da ficción propia abríase en 1995 con "Pratos combinados" (CTV), unha serie que chega ata os nosos días, e posteriormente en 1997 cando Continental Producciones facía “A familia Pita”. Esta segunda serie, “demasiado urbana”, non tivo éxito pero contribuíu a abrir máis o camiño para que Video Voz (daquela, agora Voz Audiovisual), xunto con Antón Reixa deran vida ó maior fito da historia da TVG, “Mareas Vivas” (1998-2001). Desde o enorme éxito de “Mareas Vivas” non só se conseguiu unha fidelización do espectador a determinados contidos senón que se creou toda unha industria de profesionais do audiovisual galego, saídos en gran medida da Escola de Imaxe e Son da Coruña, dedicados á ficción televisiva. De feito, as series de ficción poboaron durante varios anos a franxa de Prime Time da TVG superando en case que tódolos casos a audiencia media da cadea. De feito eran as series as que poñían o raseiro da media da audiencia ó existir unha diferencia abismal entre os contidos emitidos de mañá e tarde e as series de Prime Time (franxa horaria onde é certo que hai máis espectadores pero que tamén conta con unha enorme competencia).
Sen embargo, desde a chegada da nova dirección do ente público non se desenvolveu ningunha nova serie de ficción e moitas das que existían simplemente “finaron”. A nova dirección estreou dúas series: “Pepe o inglés” (CTV) e “A vida por diante” (Voz Audiovisual). Ambas aprobadas pola dirección anterior da canle e de incerto futuro de cara á emisión (incerto porque outras como “Terra de Miranda” non foron emitidas pese a contar con novos episodios). Ademais destas, agárdase como auga de maio que volva aparecer “Libro de familia” para levantar un chisco a audiencia media ( a audiencia media de “Libro de familia” DUPLICA á audiencia media da TVG).
Que pasa con este tipo de contidos? Por que non se segue adiante con eles? Expediente X.
O outro caso sangrante e protagonista dun dos maiores culebróns do verán é o caso do fútbol. É probable que a moitas persoas o “deporte rei” lles tire dun pe, sen embargo hai un feito incontestable que é que o fútbol conta cunha audiencia fiel, fixa e inamovible. As negociacións polo fútbol representaron un dos momentos máis patéticos da FORTA como asociación e por extensión da TVG. A proposta de La Sexta era a de emitir un terceiro partido en aberto os domingos pola tarde. Nesta proposta saía perxudicado o grupo PRISA que vería como perdía un partido de “Pay per View” ademais de perder a audiencia de Localia que emite un encontro da 2ª división. Desta loita saíron perdendo na FORTA incapaces de igualar a oferta que La Sexta lle facía a MediaPro polos dereitos dos partidos (ademais MediaPro é accionista de La Sexta). Ós xenios da FORTA non se lles ocurreu ningunha solución (que igual podería ser unha negociación con PRISA e a Federación Española para a emisión dese terceiro partido) e amosaron a súa división habitual. TV3 que está a un nivel superior ó resto conseguiu os seus dereitos e xunto a eles Canal 9. A TVG retirouse das negociacións e Tele Madrid anda metida en pleitos polo que considera “competencia desleal”.
O resultado de todo esto é que a TVG non vai emitir a liga de primeira nin de segunda, que de momento non ten os dereitos nin sequera sobre os resumos e que lle vai ter que pagar a TVE (propietaria dos dereitos de 2ªB) se quere emitir encontros de 2ªB como aconteceu onte co R. Ferrol-Pontevedra.
Esto significa tamén que preto dun 50% dos galegos non van poder ver fútbol en aberto xa que non lles chega a cobertura de La Sexta. De entrada xa non a Liga, senón que de momento xa nos estamos a perder a 1ª Copa da Xunta que é o primeiro torneo organizado polo goberno galego no que se enfrontan tódolos equipos galegos profesionais e que pese a ser pagado polo goberno non é emitido pola TVG. Por extensión, podemos facernos a pregunta de que pasará cos 70 ou 80 profesionais da TVG que traballaban diariamente no fútbol. Pois eso, acabáronse as narracións de Óscar Suárez, de Terio Carrera a pe de campo e ó mellor a Gustavo Varela, o que tiven o gusto de coñecer hai anos cando estaba na facultade, vémolo quentando pola banda do “Supermaster”.

¿Responsabilidades?

Hai uns días por facer unha proba ensineille a un amigo emigrado en Suiza a grella da TVG e a de Tele Salnés e pregunteille se sabía cal se correspondía coa galega. El dixo que lle parecía a de TS pero que lle parecía raro que a TVG emitise porno. A min pareceume clarificador do panorama.
Quen é o responsable? Eu ignóroo. O que sei é que as repercusións desta nova TVG son grandes. De entrada, perdemos a posibilidade de que tódolos galegos teñamos unha televisión digna e de calidade (Esto é subxetivo). Por outro lado, tódolos productos producidos en galego en Galiza (que xa son poucos) teñen unha única porta de emisión a TVG, e se a TVG segue con esta política eses productos galegos non só non teñen cabida senón que ademais non ten sentido facelos (Esto é un feito). Outra consecuencia directa e que un gran número de profesionais que se movían na industria da ficción para televisión ven como o seu mercado queda completamente reducido por non dicir anulado (Idem).
Por outra banda, non existe un debate na opinión pública sobre este tema xa que a TVG é a mellor cliente de tódolos medios de comunicación galegos importantes (Pd: se a tele me produce un programa elimino este artigo).
Nunha sociedade civilizada poderíamos dicir que a algún responsable da TVG lle quedaría medio “Tequeleshow” pero eso xa é un asunto político. E como todos sabemos hai só dous tipos de políticos: os que aceptan as súas responsabilidades e se chega o momento renuncian ou presentan a súa dimisión, e os que reparten axudas. Lamentablemente en Galiza sempre nos tocaron os da segunda clase así que o normal non é que mude o panorama dentro da TVG senón que o ano que ven lles amplíen o orzamento.

Por: Fagot | Televisión | Comentarios (13) | Referencias (0)

Comentarios

Plas, plas, plas! :D
Excelente post e moi boa análise (sobretodo o de telesalnés, xDD).
Gustoume moito seu blog, ánimo!

TeRMi | 28-08-2006 06:18:22

Tens mais razão que um santo!

Uz | 28-08-2006 10:15:27

Hei, qué tes tí en contra dos Vixiantes da Praia? É das mellores series de TV nunca creadas! hahaha
Buscan a menor excusa pra poñer a unhas cachondas a correr pola area en bañador... sublime! XD

Suso | 28-08-2006 11:47:35

Moi boa a análise e a reflexom. Coido que o panorama está moi bem descrito.
Só um "pero", no referido as séries produzidas estes anos: é certo que "Mareas" ou "Pratos" e algumha máis forom um éxito de audiência, mas o certo é que a maioria passarom sem pena nem glória. Quem lembra "Fíos", "Avenida de América", "Un mundo se historias" ou "Pequeno Hotel"? E o mau é que desde TVG se asinavam contratos por mais e mais temporadas ainda sabendo que a série nom funcionava. Por que? Pois casualmente a maioria destas séries eram produzidas por JORNAIS galegos (Región, Voz, Correo) ou empresas de comunicaçom (CTV) moi afins ao PP. Penso que era um jeito encuberto de subvencionar tanto "médio" pro-governo. Devido a isto havia sempre 2 ou 3 séries a gravar-se, e umhas 50 pessoas contratadas em cada umha. Agora pagam-se menos séries (as que podem dar audiência?), e rachou-se esta "bolha", deixando a mota gente no paro, o que supom mais competência por cada posto de trabalho e baixada de salários. É culpa destes ou dos anteriores?

nemtele | 28-08-2006 12:13:33

Nesto hai que puntualizar varias cousas:
1. As series seguen a ser producidas por xornais, e o que non son series tamén. Neso o PP non ten a exclusividade.
2. Dos casos que citas, nin "Avenida de América", nin "Un mundo de Historias" foron producidas por xornais senón que eran producción "propia" con "algúns medios externos".
3. Para que unha serie funcione e poida ser "renovada" non é necesario que sexa un "boom" de audiencia senón que se superas a media da canle, en varios puntos, como facían moitas series o producto é bo. Os últimos episodios de "Mareas Vivas" se movían en torno ó 25% de share e para mareas eso era "pouco". Hoxe na TVG matarían por un 25%.
4. É certo que moitas series foron un "fracaso". Un fracaso relativo porque a día de hoxe eses mesmos datos eses mesmos datos poderían ser destacables. Como exemplo no seguite artigo saen as audiencias da FORTA do 13 de agosto: http://www.formulatv.com/1,20060814,2634,1.html

5. O tema da libre competencia créomo en Dinamarca, ou nos EE.UU. Aqui non.
6. No tema da culpabilidade, cada un é responsable do seu. A pantasma do PP é moi recurrente pero xa está moi gastada. Daquela cando gobernaban servían como culpables de todo. O que non é lóxico é que se siga á usar ó PP para non aceptar os erros propios que é o que se está a facer moitas veces. Para min a TVG do PP xa desapareceu, agora hai unha nova TVG e as afinidades de cada un non poden interferir nos xuizos que se fagan da mesma. A pregunta é simple, a día de hoxe a TVG está mellor ou peor que hai 1 ano? Para min está peor.

Fagot | 28-08-2006 12:45:30

Nom quereria polemizar, ja que estou basicamente de acordo com todo o que dis no post. Só era um apontamento. Pero...
- "Avenida" si era própria. "Un Mundo" era de Pórtico.
- Referia-me às séries que se renovavam antes de ser emitida nem a 1ª tempada (e eram moitas).
Umha aperta e a continuar com artigos tam bos coma este.

nemtele | 28-08-2006 12:49:56

Non era por polemizar tampouco. O que pasa é que nun punto me ten algo queimado o tema de que se siga a aludir ó PP como xustificación en moitos casos. Eu ó PP quero borralo da cabeza cando menos ata que volvan gañar. O que toca agora é traballar na nova situación e facer crítica de como se están facendo as cousas para poder melloralas.
O de "Un mundo" lembro que era unha producción algo rara non? Non estou fixo pero creo que contaba con persoal da TVG por un lado e producción de Pórtico. En todo caso non é o mellor dos exemplos porque é xustamente unha das series "non producidas por un medio de comunicación".
No tema do que se renova/ba ou non é algo que é moi dificil de analizar porque non te podes guiar pola emisión. É probable que se renovaran productos que despois non foron emitidos. Pero na maioría dos casos as series que non funcionaron sairon de emisión rápido coa excepción de "As leis de Celavella". O que pasa é que a TVG soe firmar 2 tempadas (26 ep.) e eso tamén pode levar ó erro de pensar nunha renovación. Xa che digo neso non me meto porque podes pensar que por emisión unha serie está acabada e sen embargo hai episodios rodados e pagados que non chegan a verse.

Saudos

Fagot | 28-08-2006 14:02:41

eu dizia-o porque estivem currando em séries das que nom remataramos o ep. 13 e ja estavam assinadas duas temporadas mais

nemtele | 28-08-2006 14:39:09

En fin..., o día que alguén se poña a facer auditorías serias dentro dalgunhas institucións vai haber moitas sorpresas.

Fagot | 28-08-2006 17:54:45

"Un mundo de historias" tiña bastante historia detrás. Nunca din visto un capítulo enteiro e non foi por falta de ganas. O "cerebro" do asunto é un tal Antón Dobao, durante anos responsable da "política lingüística" da TVG. A "calidade" da dobraxe galega débelle moito aos seus esforzos. Bastantes dobradores que non eran quen de poñer acento da Fonsagrada (sen querer faltar) perderon o seu traballo e a calidade interpretativa desapareceu como criterio para elixir as voces das dobraxes. Por certo que a súa dona tivo, porén, bastante éxito coa "produtora" que montou para recoller subvencións. En xeral, as empresas de dobraxe víronse forzadas a seguir criterios fonéticos e someterse aos ditados de alguén completamente alleo á interpretación dramática. O único dramático que saeu de Antón Dobao foi, precisamente, "Un mundo de historias".

zen | 28-08-2006 19:04:24

Completamente acertado. A ver si co "gran" cambio de TVG por "A Galega" cambia algo o panorama, soñar é de balde, así que espero ter unha autonómica competente e por fin unha segunda canle.

Javi | 28-08-2006 19:05:45



A primeira serie non foi A Familia Pita (1977), senon Pratos combinados (1955). A TVG encargou Pratos Combinados ó mesmo tempo que Fóra de onda, que fracasou na etapa de producción e nunca chegou a emitirse. Foi precisamente o bo resultado de audiencia de Pratos Combinados o que animou a TVG a producir outras, como Familia Pita e Mareas.

praia-de-riazor | 30-08-2006 13:27:30

Certo, gracias pola corrección, agora mesmo o cambio.

Fagot | 30-08-2006 16:16:07

Comentar


Recordar datos