Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Xoves, 14 de Setembro de 2006

Nota facilitada pola productora:
Mañá venres día 15 de setembro ás 20.30 horas o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) vai render homenaxe á figura de José Ernesto Díaz-Noriega, máis coñecido como JEDN, un dos pioneiros do cinema en Galiza.
JEDN, director de cine nacido en Barcelona en 1912, tivo unha especial relevancia en Galiza a partires da década dos 60 onde tras instalarse na Coruña comeza a convertirse nun activo impulsor do audiovisual do noso país. Tras uns primeiros contactos coa Sociedade Fotográfica da Coruña, JEDN fundará o primeiro Clube de Cine Amateur de Coruña a principios dos anos 60. Esta asociación terá unha grande importancia na cidade xa que vai ser un motor de creación dunha gran cantidade de curtametraxes realizadas en formatos substandar. Ademais, o Clube de Cine Amateur organizará anualmente o Primeiro Festival de Cine da Coruña que contará con produccións de toda Europa.
Cos anos a figura de JEDN vaise consolidar ó entrar en contacto coa que será a primeira xeración de directores galegos que comezarán a facer os seus filmes na década dos 70. Así, nomes como Xabier Villaverde, Carlos Amil, Antonio Simón ou Miguel Castelo terán en común non só o feito de dedicarse ó cinema de forma profesional, senón que deron os seus primeiros pasos na casa de JEDN, colaborando nas súas pequenas produccións ou asistindo a proxeccións de clásicos que o propio JEDN organizaba na súa casa, nas que ensinaba ós seus “alumnos” filmes imposibles de ver en España, en moitas ocasións por culpa do réxime, e que JEDN era quen de conseguir por mediación de contactos nos EE.UU.
A producción cinematográfica de JEDN vai dende 1935 onde rodará “Las ninfas de la charca” ata 1983 con “Una idea, un esfuerzo, una realidad”. No seu haber conta con produccións como “El cine amateur” de 1965 que é unha das curtametraxes feitas en Galiza que máis premios acumula da historia, obtendo galardóns en festivais de todo o mundo. Destaca tamén entre os seus traballos o filme “Os Suevos” de 1974, unha parodia do matrimonio con trasfondo político e á súa vez, un dos primeiros filmes que se conservan rodados en galego, que foi confiscado polo Gobernador Civil da Provincia despois da súa estrea nas Xornadas de Cine Independente de Ourense.
A obra de JEDN composta por máis de 20 produccións complétase cun dos seus apartados máis destacados: a sonorización de clásicos. JEDN vai dedicar gran parte da súa vida a coller filmes clásicos e sonorizalos poñéndolles música, efectos de audio, ou traducindo ós intertítulos dos filmes ó castelán ou ó galego. Dentro das sonorización destacan dúas vertentes. A primeira, sonorizacións fieis dos filmes coa intención de facelos máis coñecidos ó gran público. A segunda, sonorizacións que terxiversan o sentido do filme e con fins de parodia. Neste apartado destaca o “Nosferatu” de Murnau que JEDN vai convertir en “Nosferatu, la pugnete o el manuscrito encontrado en la Zarzuela” de 1978 no que fai unha parodia da transición política española. Destaca tamén “Metrópolis” de Lang que JEDN vai sonorizar en 1980 e na que os obreiros falan galego e os nobles en castelán.
Na proxección que terá lugar mañá no CGAI poderemos ver o documental “Pensando en Soledad” dirixido por Marcos Nine e producido por IB. Cinema. Un traballo que repasa a vida e a obra de JEDN contado de xeito desmitificador e marcado especialmente polo sentido do humor e dos gags que o director amosaba nas súas produccións. “Pensando en Soledad” non só é unha crónica da vida de JEDN como cineasta senón que ademais constitúe un retrato dunha xeración marcada pola guerra civil e da necesidade de loitar contra as dificultades derivadas do sistema para poder levar os soños adiante.
Xunto a “Pensando en Soledad”, o CGAI vai proxectar tamén “Las ninfas de la charca”, primeira producción de JEDN que é unha homenaxe á Busby Berkeley, un dos directores que máis influenciou a JEDN ó principio da súa carreira. “Las ninfas de la charca” está rodada nas aforas de Madrid en 1935 no mesmo lugar onde un ano despois JEDN será capturado polas milicias republicanas e obrigado a alistarse nos inicios da Guerra Civil.
No CGAI poderase ver tamén “Sever Odnum” (1964) unha curtametraxe que parodia os festivais de cine e a algúns dos galardoados. “Sever Odnum” é un filme que ben podería formar parte do libro guiness xa que foi escrito, rodado, revelado, montado e proxectado en tan só 12 horas.
E como colofón “El Cine Amateur” de 1965. A curtametraxe máis galardoada de JEDN con máis de 20 premios internacionais como o Prix du film de Fantasie de Cannes, o concurso nacional organizado por TVE ou os primeiros premios de festivais como os de Brno ou Dubrovnik.
A proxección do CGAI asistirá o director do documental, Marcos Nine, así como o Productor, Ignacio Benedeti, e o Productor Executivo, Xosé Zapata.
Por: Fagot | Festivais e Proxeccións | Comentarios (0) | Referencias (0)