Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Martes, 26 de Setembro de 2006
A Illa de Arousa acolle un casting e dúas rodaxes, ródase outra curta en Burela e temos festivais en Lugo, Vilagarcía, Oleiros e Ourense.
O que poderíamos chamar “efecto chamada” da Consellería de Cultura para a dinamización do mundo da curtametraxe comeza a dar os seus froitos. E e que desde hai uns meses, Galiza convertiuse nun enorme plató cinematográfico onde verán a luz 67 produccións curtas subvencionadas pola Consellería.
Dentro deste marco, o Concello da Illa de Arousa conta cunha actividade incesante. O pasado 18 de setembro comezou na vila arousana a rodaxe de “Ángulos”, unha curtametraxe dirixida por Pedro Vilas Táboas, galego residente en Barcelona que xunto a un equipo formado por estudantes do Centre d'Estudis Cinematogràfics de Cataluña, e da man da prestixiosa actriz, Pilar Bardem rodaban na Illa a historia dunha muller que agardaba a diario o retorno do seu marido, persuntamente morto, durante a guerra civil.
Onte remataba na Illa a rodaxe de “Ángulos” e hoxe mesmo hai convocado un casting para a rodaxe dunha nova curtametraxe. Neste caso será “O Quinteiro” de Antonio Millán, un illeño que debutará na dirección a escasos metros da súa casa.
O casting terá lugar hoxe e mañá de 11 a 14 horas pola mañá e de 16 a 19.30 horas pola tarde no salón de actos do Igafa. A dirección do casting será a cargo de Roi Carballido, un xoven que conta xa con experiencia nun gran número de curtametraxes como “Mártires” ou “Morte Súbita”. A proba será destinada a atopar dúas parellas de actores duns 15 anos de idade e outras dúas que anden polos 30.
A historia de “O Quinteiro” narra a vida duns adolescentes que se coñecen durante un verán aprendendo a velear nun entorno costeiro. A vida separaraos ata 15 anos despois onde o reencontro se produce no mesmo lugar pero, esta vez, despois do accidente do Prestige.
A curtametraxe coa que colabora o Concello de Arousa, a Agrupación de Mexilloeiros Illeños e a Asociación de Empresarios de Arousa, así como a Brasería A Salga e o Acuarium do Grove comezará a rodarse o día 19 de Outubro.
Pero a actividade na comarca do Salnés non remata aí. O vindeiro 30 de setembro a só uns kilometros da Illa, en Vilagarcía, farase a presentación da que será a 34 edición do Festival de Vilagarcía. A presentación, que terá lugar no Liceo Casino a partires das 12h. contará coa presencia de Álvaro Paz, presidente do Liceo, Cruz López, directora do certame, e o coñecido actor Carlos Blanco.
A organización do festival, totalmente renovada, pretende que o certame teña máis presencia na cidade e que co tempo poida consolidarse como un dos referentes en Galiza. Para elo, nesta edición hai previsto un gran número de actividades entre os días 6 de Outubro e 4 de Novembro que van desde talleres de guión ou espectáculos de maxia, a proxeccións de filmes clásicos como “8 e medio” de Federico Fellini que servirá de clausura ó festival.
Paralelamente, nestes días estase a celebrar en Lugo a XXVIII edición da semana de cine de autor onde se poden ver títulos como “Transamerica” de Duncan Tucker, “La casa de mi abuela” de Adan Aliaga ou “Cache” de Michael Haneke.
As rodaxes continúan en Burela onde Martinho Vázquez vai debutar na dirección, despois da súa participación como actor en curtametraxes como "Lobos" ou series como "Rías Baixas". E vaino a facer coa curtametraxe "O cerco" unha claustofóbica historia ambientada en tempos de guerra e que iniciará a súa rodaxe o vindeiro sábado.
Mentres tanto, o vindeiro fin de semana, Oleiros acollerá a “Nova Factory 06” que ademais de contar con concurso de curtas habitual e co mercado internacional de curtametraxes, esta edición presenta importantes novidades como o primeiro concurso de curtas rodadas con móbiles. A “Nova Factory 06” terá lugar no Centro Cultural “A Fabrica” de Oleiros dos días 28 de setembro ó 1 de Outubro.
No apartado de proxeccións, o vindeiro día 30, ás 22 horas, terá lugar no colexio La Salle de Santiago a proxección de “Cicatrices”, curtametraxe de Jairo Iglesias que xa tivemos a oprotunidade de ver nos cines Filmax da Coruña.
E todo esto mentres imos quentando motores para que o vindeiro 4 nde novembro arranque o Festival Internacional de Cine Independente de Ourense que este ano conta cun ciclo de curtas e documentais de temática medioambiental como principal novidade. Dentro deste ciclo poderemos ver productos que van desde a visión de percebeiras 3 anos despois da catástrofe do Prestige a iniciativas solidarias na Patagonia. As sesións terán lugar no Teatro principal e no Auditorio Municipal con entrada libre.
Resumindo, meses de grande actividade para todos aqueles que non poidan permitirse o luxo de ir a Donosti a ver a Carlos Sorín falando de Maradona.
Por: Fagot | Cinema | Comentarios (2) | Referencias (0)
é bem difícil atopar a web do festival de Vila-Garcia. Agora é http://www.certamenaudiovisual.com/
nemtele | 28-09-2006 15:34:43
Fagot | 28-09-2006 16:01:28