Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Venres, 29 de Setembro de 2006
Manolo Gómez dimite do seu cargo de Presidente da Academia Galega do Audiovisual e recibe o anuncio de que vai ser denunciado polo equipo técnico e artístico por causa da paralización da rodaxe de "Os mortos van depresa"
Levamos uns días "quentiños" no entorno audiovisual galego e ó mesmo tempo incertos polo efecto dominó provocado pola decisión de Dygra de suspender a rodaxe do seu filme "Os mortos van depresa". Onte mesmo, Manolo Gómez, productor do filme, dimitía no seu cargo de Presidente da Academia Galega do audiovisual que a partires de hoxe pasa a mans da actriz María Bouzas.
Segundo o xornal Galicia Hoxe, Manolo Gómez declaraba por vía telefónica que non se atopaba "moralmente forte para facer ningún tipo de declaración", pouco tempo despois de facerse pública a súa dimisión como Presidente da Academia.
Non é para menos e é que a suspensión dunha rodaxe é un asunto máis que delicado e que só o tempo nos sabe dicir cal é a súa trascendencia.
Manolo Gómez recoñeceu a súa culpa e así se recolle nos seguintes fragmentos da súa intervención en rolda de prensa en Ribadeo publicados na Voz de Galicia:
"Está claro que son o máximo responsable desta situación e que teño que admitir que neste proxecto actuei con máis corazón que cabeza". "Unha película como esta ten uns compromisos económicos cada fin de semana que non se poden afrontar sen poñer en risco as outras liñas de produción de Dygra". "Cando puxemos en marcha a rodaxe, actuei como se fose unha película de animación, onde os compromisos económicos teñen unha temporalidade máis flexible" "Teño que asumir a culpa da inexperiencia miña no cine de imaxe real e unha planificación errónea dos tempos entre que se concretan os apoios e hai que pagar a rodaxe".
Pódese dicir máis alto pero non máis claro. Agora, a touro pasado, e despois de ler as palabras de Gómez probablemente máis de un pense que foi unha temeridade por parte de Dygra meterse nun proxecto de ficción convencional cando nin sequera chegaron a producir unha simple curta. Igual se lle pasa eso pola cabeza tamén a Manolo Gómez, que por se alguén o dubida, é a parte máis afectada neste caso.
Primeiro: Dygra suspende a rodaxe dun filme co perxuizo económico que eso supón.
Segundo: Manolo Gómez vese obrigado a dimitir como Presidente da Academia, cargo que tiña desde o 2003.
Terceiro: Se Dygra non roda o filme terá que devolver a axuda concedida pola Consellería de Cultura. E a estas alturas, con 5 días de rodaxe eses cartos poden estar máis que gastados.
Cuarto: O equipo artístico e técnico anunciou que vai denunciar a Dygra e teñen as de gañar xa que é posible que exista un incumprimento de contrato. Esto é especialmente serio, xa que se Dygra tivese que facer fronte a tódalas indemnizacións non sería de extrañar, como xa vimos noutros casos, que a empresa se plantexase a idea de declararse en quebra.
Quinto: Manolo Gómez, un productor e director que acumula 2 Goyas no seu haber, algo que non conseguiu ningún director galego (Salvo Angel de la Cruz que codirixe con el), vese obrigado a admitir publicamente que por culpa da súa inexperiencia ten que paralizar a rodaxe da súa película.
O pao é realmente serio. O mesmo Manolo Gómez afirmou que se vira obrigado a tomar unha decisión "sen precedentes". Nesto non estamos dacordo. Que se suspendan rodaxes non é un feito habitual pero acontece. O que non tiña precedentes ata o momento era comunicar publicamente esta decisión. Non sabemos se é un exercicio de honestidade ou de inocencia, por parte de Manolo Gómez (do que non nos atrevemos a falar mal porque o que lle está a pasar é unha verdadeira desgracia), o feito de convocar unha rolda de prensa na que explica os motivos da decisión. Os trapos suxos, ás veces é mellor lavalos na casa que xa se sabe que despois existe xente malintencionada que os saca a airear.
Sen embargo, Manolo Gomez optou por facer pública a súa decisión e este feito multiplica as repercusións que xa de por si ten a paralización dunha rodaxe.
A comparecencia de Manolo Gómez fai publicas unha serie de incognitas que sempre pulularon polo audiovisual galego pero que nunca soron tan evidentes como neste caso:
Primeiro: Manolo Gómez falou de inversións que non se concretaron. Posiblemente se deba a participacións de coproductores ou televisións ós que tivo a sapiencia de non mencionar. Se esto é así, a cuestión é a seguinte: Ata que punto, unha productora galega (que Dygra non é das pequenas) ten a capacidade de asumir a producción dun filme de xeito independente? Existe realmente a producción con recursos propios? Os filmes que se estrean son de productoras ou en realidade son de televisións e goberno?
Segundo: Manolo Gómez achacou á súa falla de experiencia na ficción convencional o feito de que se paralizase a rodaxe. Neste caso e xa que as axudas da Xunta se conceden case que totalmente a productores: ata que punto é lícito, ou xustificable a concesión de axudas a productoras que non contan con experiencia no campo da producción ó que se presentan? (Hai que lembrar que Dygra antes de producir "O bosque animado" fixera xa algún videoxogo como "Quickmagic" na súa factoría "Filloa records")
Terceiro: Manolo Gómez tivo a valentía de explicar publicamente a situación da súa película. Sen embargo, se repasamos a relación de axudas concedidas no ano 2005, as últimas concedidas polo PP, vemos un bo feixe de títulos dos que aínda non sabemos nada. Sabemos que algúns deles están en fase de rodaxe, ou de preproducción pero realmente: cal é a situcaión destes proxectos?, preocúpase o goberno galego de saber como se están a empregar os fondos públicos adxudicados a filmes que de momento non se sabe da súa existencia?
Nos non temos resposta a nada desto. Desde aquí simplemente nos facemos eco dunha nova triste. Desexámoslle a Manolo Gómez unha prota recuperación e que o filme poida saír adiante.
Falando exclusivamente de "Os mortos van depresa", dicir que, como anunciaba hoxe Vieiros, Manolo Gómez ofreceulle ó director Ángel de La Cruz e ó seu equipo a posibilidade de cederlle os dereitos do filme para que continúen a rodaxe, posiblemente en réxime de cooperativa.
E aínda que non sexa a mellor das situacións, deste aquí queremos desexarlle sorte a María Bouzas no seu recén estreado cargo de Presidenta da Academia do audiovisual galego.
Por: Fagot | Cinema | Comentarios (3) | Referencias (0)
Só algúns comentarios...
1. A decisión de comunicar o desastre publicamente non foi de Manolo Gómez, quen lle dera poder evitalo. Foi do equipo técnico que chamou aos medios para dar unha rolda de prensa esa mesma tarde. Manolo non atendeu a ninguén, o que até certo punto me parece normal.
2. O 95 por cento dos filmes que se fan no Estado e mesmo en Europa son das administracións e das teles. E, primeiro, dos bancos. As produtoras de aquí a penas fan negocio, xa lles abonda con facer películas xestionando diñeiro público ou televisivo -para iso teñen o coñecemento e os recursos humanos- e non palmar moita pasta para que lles sigan deixando facer películas.
3. É certo que a Xunta podería ter máis en conta a capacidade económica ou de xestión das produtoras á hora de dar ás subvencións, pero é que se así fose... a quen llas darían? A Pancho, a Reixa (e aínda así) e a Gerardo Herrero, que é o que nunca falla. Darlle unha axuda a Dygra para abordar unha longametraxe de imaxe real, por mala que sexa, é o mínimo para unha produtora que fixo dúas películas de Goya. Se logo a empresa xestiona mal e non fai a peli é o seu problema, devolve os cartos e santas pascuas, pero polo menos facilitouse ese risco e que houbese traballo para a xente do sector.
4. Esto ultimo que dixen é moi discutible, claro. E nesa liña a verdade é que dá algo de medo ver as cantidades de diñeiro que se deu este ano a produtoras pequenas con directores noveis. Está ben que se apoien as apostas máis arriscadas, pero hai que ter equilibrio porque corremos o risco de vernos nos próximos anos sen ningunha peli para estrear e cunha ducia de Manolos Gómez ou Antonios Simón. Si que creo que no comité de selección das axudas a produción debería haber alguén procedente do mundo da produción, que saiba como se xestionan as películas e como hai que deseñar un proxecto para a súa viabilidade. Supoño que coller alguén dese perfil sería dificil porque todos terían algo que presentar, pero Carme Rábade, Manuel Castelao e Luís Álvarez Pousa non me pareceron os máis axeitados para repartir semellante cantidade de millóns, sen entrar a valorar o seu criterio cinematográfico, que supoño que algún terán e será acorde co da Consellaría de Cultura. Pero logo pasa o que pasa.
Choios Enríquez | 29-09-2006 18:50:44
Parécenme uns comentarios moi atinados Choios Enríquez, sen embargo hai algúns puntos nos que poderíamos discutir moito:
Sobre o punto 1: non podemos dicir nada, o único que temos constatado é o que aparece nos distintos medios.
2. Esto non é de todo certo. Unha cousa é a inviabilidade do cine Europeo sen fondos públicos e outra cousa radicalmente distinta é que ti non te xogues nada do teu peto. O problema é que se pretenden facer filmes de 3 millóns de euros cando non tes ese capital ou nin sequera a túa empresa vale ese capital. De feito recursos propios como poderían ser os humanos non son tales, senón que son recursos pagados con fondos públicos. Moita da producción que se está a facer faise exclusivamente con fondos públicos e esto o que produce é que non importe o resultado do producto, da igual que sexa bo ou malo, non compites contra nada só tes que xustificar a subvención co gasto da pélícula. Se se fixesen filmes de 1 millón que tiveses que rentabilizar igual era outro cantar.
3. Non ten porque ser así. Un dos requerimentos é o plan financieiro da película e a viabilidade do proxecto e a esto ten acceso calquera empresa. O que é imposible é que existan 50 proxectos pagados polo estado.
4. Totalmente dacordo co comezo da exposición. Falando das comisións eso xa é outro cantar. Se se quere que o sistema de comisión que avalía proxectos teña resultado, o que hai que facer é que os comisionados sexan totalmente alleos á producción galega. Non vale que se designen a 5 persoas e que os productores as coñezan e sexan completamente influenciables. O problema desto é que igual algunha productora "potente" recibía un cacho menos de pastel e nas subvencións non se busca a xustiza senón poder pechar bocas.
Agardo contestación.
Fagot | 29-09-2006 23:44:17
Só un apuntamento máis:
Non é que a unha productora que nunca fixo unha longa non se lle deba subvencionar. Como productora pódese avaliar a súa traxectoria primeiro con curtas, despois con algún proxecto de maior entidade e finalmente dando o salto á longametraxe.
O que non se pode facer é que Pepe Pérez colla un día e presente un orzamento de 7 millóns de euros e se quede tan ancho. E esto pasa, ó D.O.G ese do 2005 me remito.
Fagot | 29-09-2006 23:50:41