Todo o que queirades debatir sobre o audiovisual. Mandade os vosos comentarios, suxerencias, calificacións sobre os filmes ou o que se vos ocurra a apelidodia@gmail.com
Diseñado por Studio.st
Online gracias a Bitacoras.com
Martes, 24 de Outubro de 2006
PRiMEiRA EXCLUSiVA da PELI DO DiA!!!!
Manolo González, asesor en política audiovisual da Consellería de Cultura cóntanos as súas impresións unha vez superado o primerio ano de goberno.
Pasou xa máis dun ano co bipartito no goberno da Xunta. Un goberno que en materia audiovisual comezou con algunha que outra polémica como foi a "batalla" polo control do CGAI ¿Que queda do caso CGAI? ¿Tratouse realmente dunha pelexa entre socios de goberno?
Ese e un tema dos “políticos” e polo momento non hai nada que opinar... As cousas “foron como foron”; neste momento non queda nada daquela polémica. Todos estamos a traballar a prol do desenvolvemento do audiovisual galego e sobre todo de construír un modelo alternativo ao da anterior etapa.
Falando xa da presente etapa ¿que valoración fai das axudas ó audiovisual?
Pois a miña valoración e moi positiva. Lamento que a xente non teña un maior nivel de información, non utilice ferramentas comparativas e, sobre todo, profesionais nos procesos de avaliación de resultados e que a información veraz sobre o audiovisual galego non dispoña dunha maior presenza nos medios de comunicación. Somos a única Comunidade do estado que está impulsando curtas en soporte dixital dirixidas á creadores independentes, estimulamos o desenvolvemento de novos formatos, discriminamos positivamente os proxectos de animación, diferenciamos entre produccións maioritarias e maioritarias..etc..etc. Hai - na letra grande e pequena das convocatorias- numerosas novidades insólitas nos procesos de axudas ao audiovisual do estado.
Polo demais estamos cumprindo escrupulosamente o que fai un ano anunciamos como “principios que guiarían a acción da Conselleria de Cultura e Deporte”.
1) Principio de igualdade de oportunidades e transparencia na xestión.
Por primeira vez as comisións de valoración dos proxectos actuaron con liberdade, transparencia e profesionalidade, sen intervención ou control por parte da Administración nin das organizacións profesionais do sector. Quixera lembrar que as persoas que decidían sobre as subvencións publicas foron as mesmas durante os últimos 5 anos. Na Consellería de Cultura e Deporte serán modificados todos os anos eliminando, así, calquer vestixio ou sospeita de endogamia, nepotismo ou enquilosamento. Un dos nosos obxectivos é xustamente ese: que o sector acepte ás comisións como árbitros entre a Administración e os profesionais do audiovisual como se fai en boa parte dos países do noso entorno. Certo que, as veces, pódense equivocar e pitar un penalty equivocado, pero todos deberíamos acostumbrarnos a respectar as súas decisións. Se perdes un partido, cree en ti mesmo, xoga outra vez e posiblemente ganes na vindeira ocasión. Por primeira vez tivéronse en conta criterios cualitativos nos proxectos e numerosas pequenas produtoras accederon por vez primeira ás axudas públicas.
2) Fortalecemento do tecido profesional e empresarial galego.
As convocatorias de axuda utilizaron criterios para estimular os proxectos en función da súa aposta polo tecido profesional e empresarial, así como as coproducións maioritarias Non temos mais que lembrar á polémica sobre o asunto dos baremos, pero logo a meirande parte dos proxectos que optaron ás subvencións apostaron polo compromiso cós profesionais do audiovisual e as empresas galegas, como se pode comprobar nas resolucións. Independentemente da calidade do resultado final, esa aposta pola profesionalización do audiovisual galego foi asimilada – mesmo con certa complicidade interesada- por boa parte do sector.
3) A aposta polo talento.
A meirande parte das primeiras liñas de actuación da Consellería de Cultura e Deporte apostaron polo agromar do talento; xente nova, novas canles de produción, novos formatos e novas tecnoloxías dixitais e interactivas e, o máis fundamental, novas miradas. Esta tetraloxía de principios plasmouse na convocatoria masiva de curtametraxes en soporte dixital dirixidas a creadores individuais, incremento das subvencións á escrita de guións, producións innovadoras ou experimentais, pulo ao documental de creación, axudas específicas para opera prima ou segunda longametraxe, aposta polo desenvolvemento de contidos interactivos e liñas moi innovadoras como o desenvolvemento de formatos innovadores de TV, potenciando de xeito especial as sinerxías cós creadores do resto das industrias culturais de Galiza e primando especialmente a calidade, creatividade e orixinalidade dos proxectos, así como a obrigatoriedade de incorporar alumnos en practicas a todas as producións subvencionadas. Penso que esta é -nidiamente- unha das liñas claras do cambio na política audiovisual da Consellería de Cultura.
4) A emerxencia dun audiovisual con identidade e mirada propia.
Ise e un obxectivo que non se pode “decidir “ dende a Administración, aínda que e unha arela dos que traballamos na Consellería de Cultura e Deporte. Só a medio prazo, en función dos resultados das producións poderemos calibrar en qué medida podemos estar satisfeitos... Estamos preparando novas iniciativas que intentarán botarlle vento a esa arela.
Sen embargo, houbo varias criticas ás axudas deste ano. A máis extendida é que a orde de axudas e a súa resolución chegaron moi tarde e eso mantivo paralizado a unha parte do sector ¿que opina desto?
En primeiro lugar que si un sector industrial se paraliza porque “as axudas publicas se retrasan” é un magnífico retrato en negativo do “tipo de sector que temos”, absolutamente dependente das subvencións. Certo que non é responsabilidade exclusiva dos profesionais, senón que o “modelo Galego”da etapa anterior non foi quen de construír ferramentas financeiras alternativas para aminorar a dependencia da subvención directa. Houbo un par de proxectos presentados, que foron descalificados porque xa estaban rematados, estreados e comercializados. Outras películas como “De bares” de Mario Iglesias ou “Por tí e por todos os meus compañeiros” de Judas Diz, realizáronse sen axudas públicas. Polo tanto, estos síntomas son suficientemente reveladores para entender que se pode producir sen estar á espera das subvencións públicas. O que pasa é que o vicio é o vicio e a inercia destos anos anteriores está pasando factura.
Tampouco pode ser un axioma obxectivo ou profesional a afirmación de que o movemento do sector audiovisual dependa de Cultura. En calquera sociedade do noso entorno teñen moito mais peso no desenvolvemento do sector outras estruturas institucionais ou comerciais como as televisións, as sociedades financeiras, os empresarios privados...etc.
En terceiro lugar na pregunta se revela unha gran desmemoria histórica... As axudas a guión, desenvolvemento e curtametraxes e cáseque todas as de produción resolvéronse moito mais cedo no 2006 que nos anos anteriores. A xente confunde as datas da convocatoria coas de resolución. Na etapa anterior tíñase establecido unha fase de resolución de cinco meses por convocatoria; polo que cáseque sempre a comunicación oficial chegaba en agosto. E nas de 2006 foron de tres meses. Non hai mais que comprobalo mediante datos obxectivos..
Por ultimo, si a crítica mais estendida e que as ordes de resolución chegaron tarde, quererá dicir que os contidos, formas e o proceso en xeral foron adecuados polo que non me parece unha gran crítica.
De tódolos xeitos todos -Administración e sector- concordamos en que as axudas deben saír no mes de xaneiro e así o intentaremos facer en vindeiras convocatorias. Este ano non foi posible por numerosos motivos que non se poden sintetizar nesta entrevista, pero a resolución foi axil, transparente e profesionalizada.
A todo isto, o que máis se retrasa nos procesos de subvención son os pagamentos e, neste senso, hai que sinalar que son as productoras as que moitas veces non aportan con axilidade e exactitude toda a documentación que fai falta para que se produzan os pagamentos. Despois da toma de decisión sobre os proxectos subvencionados caese nunha etapa que se estira como un chicle. Quitando un par de productoras que cumpren perfectamente cos requisitos, a maioría de produtoras sumerxen nunha inercia kafkiana na que tampouco contribúe a lentitude da administración. Polo tanto habería que saber quen se debería queixar exactamente.
Desde outros entes como a TVG falouse de “retraso nos nomeamentos” e que eso impediu un funcionamento normal da dirección ¿pasoulle algo similar á consellería de Cultura?
Como di sempre o meu pai: “A xente pensa que todo e liso e llano”. Poñer en marcha unha ferramenta administrativa é un asunto complexo e difícil. Volvo a ver na pregunta unha excesiva preocupación polos tempos das cousas e non pola esencialidade das propostas. Un cambio sempre provoca fondas modificacións e tradicionalmente as xentes piden solucións inmediatas a problemas estruturais. Grande parte do retraso do 2006 debeuse o intento de consensuar a participación das entidades e profesionais do sector. Participaron no proceso de debate guionistas, directores, produtores, e todo o mundo que quixo aportar suxerencias tivo oportunidade de facelo. Todo é mais doado coa política de ordeno e mando. Ter en conta as opinións e sensibilidades dos demais trae custes como esos.
Outra das críticas ás axudas é que se se comparan coas otorgadas pola consellería de Pérez Varela, os destinatarios seguen a ser os mesmos en porcentaxes moi similares. ¿Que pensa desto?
Un dos aspectos mais sorprendentes de traballar na Administración e comprobar as diferentes lecturas que se fan dos mesmos feitos segundo os intereses persoais dos emisores das opinións. E como si analizamos o contido temático de Rashomón e nos quedáramos tan só coa historia do campesiño.. desbotando as outras versións necesarias para “completar” unha mirada mais xusta e obxectiva. Deberíamos ser un pouco mais profesionais e”saber ler” os resultados da convocatoria con intelixencia e fondura. Vexamos os resultados dende outros puntos de vista:
1.- A comunicación publica das axudas 2006 penso que da moitas pistas para quen sepa lelas: Insistimos por activa e por pasiva moitas veces: As axudas non se dan ás produtoras senon – como no resto do planeta- a proxectos de directores (por suposto baixo o paraugas dunha produtora). Fixádevos na Resolución: en primeiro lugar figuran os directores, os proxectos e logo as produtoras. E una desas “anomalías” ou herdanzas da etapa anterior, no que o único importante eran as produtoras e non os proxectos en si mesmos. Leamos os resultados baixo a perspectiva dos directores ou guionistas: O 90 % das axudas van para proxectos de directores galegos: Alex Sampaio, Enrique Otero, Judas Diz, Mario Iglesias, Luis Avilés, Miguel Anxo Prado, Alfonso Zarauza, Ignacio Villar, Ismael Gonzalez, Xabier Bermudez, Breogán Riveiro, Hector Carré, Antón Dobao ou Carlos Amil; sin esquencer os documentalistas como Margarita Ledo, Dani de la Torre, Anxo Fernández, Alfredo G Pinal, Helena Villares , Jorge Coira, X. A. Moure, Víctor Aparicio ou Sandra Sánchez . Nas axudas de desenvolvemento podemos suliñar o agromar de guionistas do país como Sandra Sanchez, Daniel Domínguez, Víctor Freixanes, Cheché Carmona, Carlos Oro, Elixio Rodríguez, Ramón Campos, Manu Mallo, Manuel Abad, Carlos Portela, Xabier Villaverde, Quique Otero, Virginia Curia, Manuel Cortés, Enrique Banet, Xosé Morais, Ruth Chao, etc... Si alguén se toma a molestia de adoptar este punto de vista, estou seguro que matizaría moito a súa opinión. Por outra banda, non precisa demostración que resultado da convocatoria de escrita de guión e a de producción de curtametraxes son radicalmente diferentes aos da etapa anterior.
2.- Aínda sen aceptar que as axudas sexan para as produtoras, analicémolo tamén dende ese punto de vista: O 55% das axudas van para produtoras que non pertencen as asociacións profesionais AEGA nin a AGAPI, por primeira vez na historia. O principio de igualdade de oportunidades fixo posible que agromaran numerosas novas produtoras que nunca accedían as axudas: Perro verde, Tic, tac, Mondotropo, Producións Sanmartin,. Radi Video, Barroco Films, Ed. Galaxia, Formateo, Cabo San Lorenzo, Alen Films, Vimbio Films, Centroña, Desembarco Produccións, etc... Tampouco e habitual toparse cunha lista similar de productoras novas en ningunha resolución anterior. Apoiáronse as produccións e coproduccións galegas, pero tamén a proxectos coproducidos con Francia, Chile, Cuba, México ou Arxentina e outras comunidades autónomas.
3.- Por si esto fora pouco, tamén vai sendo hora de que se coñeza o argumento mais contundente: Non hai mais. Estaría moi ben imaxinarnos un inmenso magma creativo galego e que as produtoras beneficiarias representaran tan só a punta dun iceberg, e dicir, o 10% das existentes, pero lamentablemente todos/as deberíamos saber dunha vez por todas que “non hai mais” debaixo. O audiovisual galego e un iceberg sen base. Tan só una pequena produtora quedou sen subvencións. O resto está no listado...
E qué penso deso?: pois que a xente ten moi mal café e non utiliza criterios profesionais nas súas análises. Por primeira vez fanse públicos os nomes dos comisionados que actuaron con absoluta libertade.... O proceso foi limpo e transparente. .. en fin, ao mellor o país non da para mais...
Falando de país, moita xente agardaba que estando unha Conselleira nacionalista ó frente de Cultura por fin se producisen filmes galegos rodados en galego sen embargo non hai novas de que vaian existir este tipo de productos ¿desbotouse a idea da existencia dun cine galego feito en galego?
De novo semellades mal informados. Lémbrovos que se están a producir 67 curtametraxes en versión orixinal en galego - insólito no estado-. Penso que aproximadamente seis longametraxes de ficción serán en galego, ademais de todos os documentais. Por outra banda convén saber que un proxecto audiovisual non se “constrúe” nun par de meses. A media estatística, dende a idea ata produción de calquera proxecto no mundo, é de 2 anos. A meirande parte dos proxectos que se presentaron á produción no 2006 teñen xa varios anos de existencia. Os resultados da política audiovisual da Consellería e Cultura veranse a medio prazo... Ninguén que teña dous dedos de fronte pode pretender que cun cambio de goberno mude o audiovisual nun ano. Os proxectos mellorarán no 2007 e así sucesivamente.
Pensade se a próxima película de Marc Recha ou Honor de Caballería de Albert Serra están rodadas en catalán tamén se poden facer pelis en galego, que se poden ver en Galicia, en España, en festivais e no extranxeiro. E canto costaron estas películas? Pois son modelos de produción que non chegan nen a metade dos moitos filmes galegos que non se ven en ningunha parte. Non nos gusta copiar modelos alleos porque en todos hai cousas que funcionan mal, mais sempre hai iniciativas interesantes das que se pode tomar exemplo. A pregunta é, que productor galego é capaz de apoiar proxectos con este perfil? Que xurdan este tipo de filmes non é responsabilidade directa da Administración. A Consellería de Cultura e Deporte non é unha empresa productora.
Aínda que a Consellería de Cultura non se trate dunha productora, ¿non lle parece “escaso” que a única diferencia entre producir un filme rodado en galego a un rodado en español sexa unicamente ter acceso a unha axuda de 20 mil euros?
Quero lembrar que ningunha comunidade do estado con lingua propia ofrece mais: de todos los xeitos estamos estudando mellorar ese aspecto.
Noutro senso, durante o pasado mes circulou por internet unha lista negra de profesionais que presuntamente se beneficiaron do goberno gracias á súa participación en “Hai que botalos” ¿que pensa do tema?
Na miña experiencia vital teño comprobado empiricamente que os medios de comunicación normalmente non teñen moita idea- todo o mais unha idea preconcibida-, nin se toman en serio o contraste de información. Practicamente todos os profesionais que aparecen nese listado teñen unha traxectoria impecable de traballo ao longo do tempo... Ironicamente as listas negras teñen unha gran tradición no audiovisual –podemos lembrar o macartistmo no cine americano na década dos 50-. Só son ganas de amolar con clara intencionalidade política, pero sobre todo revelan a falta de rigor profesional de quen as elabora. O mellor que se podería facer con esas listas negras- con calquera- sería desacreditalas. As persoas deben ser consideradas pola súa valía profesional e sobre todo pola súa honradez persoal. .
¿Cre que esta lista negra pode ter algunha trascendencia maior no hipotético caso dun cambio de goberno?
Pois non sei... nin teño maior interes nese asunto... Pero o auténtico talento sempre agroma a pesares das listas negras. H. Biberman, fíxose inmortal con La sal de la tierra....
Outra das novas que máis afectou ó mundo audiovisual galego nos últimos días foi a paralización do filme de Dygra ¿que opina ó respecto? ¿De que xeito se vai posicionar a Consellería de Cultura? ¿Que consecuencias pode traer para o sector o feito de que unha das súas produtoras máis importantes sufra este percance?
Pois que e un tema absolutamente empresarial, no que a Consellería de Cultura e Deporte non opina. Tan só e un síntoma de que hai que construír un modelo audiovisual alternativo, porque o da etapa anterior está a presentar moitas disfuncións. Volvemos a insistir na necesidade de impulsar medidas de desenvolvemento industrial e crear ferramentas financeiras para que o sector teña un funcionamento menos dependente da Administración.
E finalizando este repaso ó que foi o primeiro ano de política audiovisual do novo goberno, ¿hai metas a curto ou medio prazo?
Por suposto que hai metas a curto e medio prazo. Podo asegurarte que os que traballamos na area audiovisual da Consellería de Cultura polo momento non temos capacidade operativa nin medios para levar adiante a morea de iniciativas que pululan polas nosas mentes... Ideas, metas, obxectivos... todo iso abonda en demasía ... Intentaremos contestar a esta pregunta con feitos a medio e longo prazo. De tódolos xeitos estamos abertos a calesquera idea, proxecto, suxerencia ou iniciativa que contribúa a fortalecer o tecido empresarial e profesional galego ou impulsar un audiovisual con mirada propia que transcenda das nosas fronteiras.. Non deixamos de repetir unha e outra vez que a Consellería de Cultura e Deporte está comprometida có agromar do talento e disposta a botarlle vento ás propostas que participen na construcción dun modelo alternativo do audiovisual galego.
Por: Fagot | Monográficos | Comentarios (4) | Referencias (0)
Unha gran entrevista. Parabens.
http://www.os100tolos.blogspot.com
100tolos | 25-10-2006 10:46:53
Fagot | 25-10-2006 12:29:10
Parabens pola -inesperada- entrevista, e polo gran interese das preguntas formuladas. Desexo que sexa a primeira de moitas... ;)
CAAlonso | 26-10-2006 06:35:52
A ver..., a min tamén me gustaría. A ver se para o ano que ven cando a xente comece a estrear os seus proxectos podemos contar con directores que nos falen dos mesmos, con xente que organiza festivais... Creo que estaría moi ben contar cun espacio no que puideran confluir distintas opinións sobre o sector.
Fagot | 26-10-2006 12:36:00